15 persoas remataron o itinerario de inserción laboral de “atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”
A concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros, vén de clausurar o itinerario de inserción laboral con certificado de profesionalidade “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” que deu comezo o pasado mes de xullo. Un total de 15 persoas desempregadas -13 mulleres e dous homes- remataron esta acción formativa, enmarcada no proxecto “Ferrol punto de Emprego II posto en marcha polo Concello de Ferrol.
Este curso, cunha duración total de 560 horas, foi impartido nos locais de IFES-UXT en Ferrol homologados pola Xunta de Galicia para impartir esta especialidade formativa. As 15 persoas desempregadas que participaron neste itinerario realizaron as 160 horas de práctica profesional nos seguintes centros: Residencia Geriatros Ferrol, Residencia Geriatros Narón, Residencia Geriatros Laraxe e Residencia Mi Casa. A edil ferrolá sinalou que o obxectivo desta acción formativa “é capacitar ao alumnado para atender a persoas dependentes no ámbito socio-sanitario das institucións, aplicando as estratexias e os procedementos para manter e mellorar a súa autonomía persoas e as súas relación co entorno”.
Compre lembrar, que o pasado mes de xaneiro de 2012 o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela asinou coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, un acordo para que a acción formativa “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” permitira a acreditación a través da expedición do correspondente certificado de profesionalidade. O proxecto “Ferrol punto de Emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











