15 mulleres reciben os diplomas da iniciativa formativa ‘Hola Fabiola’ en Verín
A concelleira de Igualdade de Verín, María Corona Meixeira Romasanta, entregou os diplomas da iniciativa “Hola Fabiola”, na que se formaron un total de quince mulleres estranxeiras residentes no municipio.
Devandita iniciativa, impulsada polo Centro de Información ás Mulleres-CIM e a aula CeMIT do Concello de Verín, estivo destinada a formar a estas mulleres na utilización do ordenador e de internet. Este curso de 100 horas buscaba romper, entre as participantes, a tecnofobia e despertar a curiosidade así como incentivar o interese polas TIC (Tecnoloxías da información e comunicación).
A iniciativa “Hola Fabiola” naceu da man da Fundación Orange, Fundación Directa e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, para paliar a situación de dificultade e vulnerabilidade específicas como falta de integración social, dificultade na conciliación, escaseza de tempo, illamento, desemprego, exclusión ou pobreza, nas que se atopan algunhas das mulleres inmigrantes no país. Trátase non só dun curso de informática xa que pretende ensinar e aprender cousas máis alá da informática, sensibilizar en temas claves, converter as clases nun espazo para elas, reforzar o coñecemento mutuo das participantes, traballar a igualdade, a escritura e expresión, o emprego, e analizar o ocio e tempo de lecer.











