15 desempregados comezan as prácticas en empresas do curso “actividades auxiliares de almacén”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Un total de 15 persoas desempregadas -10 homes e 5 mulleres- comezarán o vindeiro martes, día 17 de decembro, as prácticas profesionais en empresas dentro do curso “Actividades auxiliares de almacén”, organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol ao abeiro do proxecto “Ferrol punto de Emprego II”. Así, o alumnado participante neste itinerario de inserción socio-laboral realizará 90 horas de prácticas titorizadas, ata o día 14 de xaneiro de 2014, en almacéns das empresas Lidl Supermercados, Bricoking Ferrol, BricoDepôt Ferrol, SportZone Ferrol, e Seur Ferrol.

Esta acción formativa, cunha duración total de 280 horas, comezou o 5 de novembro e rematará no mes de xaneiro de 2014. Actualmente, o alumnado está recibindo formación teórica e práctica no Centro Municipal de Emprego, cunha duración de 50 horas, en manipulación de cargas con carretillas elevadoras. Este módulo formativo garante o nivel de coñecementos necesarios para o desempeño das funcións de condución de carretillas elevadoras. Así mesmo e no marco deste itinerario de almacén tamén se realizou, o pasado día 29 de novembro, unha visita didáctica ás instalacións de Pull & Bear Logística no Polígono do Río do Pozo e está prevista outra visita similar no mes de xaneiro.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo

O obxectivo do curso é capacitar ao alumnado para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividades e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos. O programa “Ferrol Punto de Emprego II” da Administración local, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten por finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

13 de decembro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.