publicidade hoxe

10 mulleres en risco de exclusión adquiren coñecementos en axuda a domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, clausurou esta mañá o curso de coidados básicos na atención domiciliaria, enmarcado dentro do Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal. Un total de 10 mulleres  beneficiarias do RISGA participaron neste obradoiro de formación que tivo unha duración total de 120 horas e deu comezo o pasado 4 de novembro.

Esta acción formativa, impartida pola empresa Serma Dependencia, tivo unha parte teórica que se desenvolveu na Casa da Muller e unha práctica que foi tutelada por traballadoras sociais da empresa en diferentes domicilios. Os contidos teóricos estiveron divididos en catro módulos: introdución (sobre o marco legal e a información sobre a lei de dependencia), a intervención física no domicilio (coidados xerais, mobilizacións, cambios posturais…), a intervención psicosocial no domicilio (atención ao usuario, familia, habilidades sociais…), e contexto social (coñecemento dos recursos da zona).

O curso, dirixido a persoas cun alto risco de exclusión social, permitiu a obtención de coñecementos básicos de axuda a domicilio co obxectivo de acadar a igualdade de oportunidades e a inclusión social e laboral. Esta formación segue a liña marcada polo Goberno Municipal de Ferrol de “blindar” o gasto social e o seu compromiso coas persoas que peor o están a pasar.

13 de decembro de 2013 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.