1.000 corredores participarán na I San Silvestre de Santiago

Xa está todo listo para a celebración da primeira edición da San Silvestre de Santiago, unha proba que pretender culminar dunha forma sa e festiva o ano atlético na cidade. A carreira celebrarase este martes, 31 de decembro, ás 17:30 horas, con saída na avenida Antonio R. Ibáñez (Campus Vida) e chegada na Porta dos Leóns da Alameda. Preto de 1.000 corredores participarán na carreira. Santiago de Compostela incorpórase así á tradición destas carreiras para rematar ao ano, como acontece con probas como a San Silvestre Vallecana (Madrid). Ademais, a elección do entorno quere ser unha homenaxe a todos aqueles atletas que ao longo do ano adestran na Alameda e no Campus Vida.

A proba terá dúas categorías: unha escolar, para os nados entre 1999 e 2002, e outra de adultos, para os nados antes de 1999. Todos partirán dende o Campus Vida nunha única saída para percorrer un circuíto dun pouco menos de cinco quilómetros. O regulamento será o da Federación Galega de Atletismo, encargada igualmente do control técnico da proba.

A inscrición era de balde para os nenos e nenas e tiña un prezo de 5 euros para os adultos. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

30 de decembro de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.