Xornada formativa “A memoria das mulleres” na Casa das Campás
A Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultural, que xestiona Luís Bará organiza este xoves, 7 de novembro, na Casa das Campás a xornada formativa “A memoria das mulleres” dirixida a centros educativos, asociacións e profesionais interesadas no programa de investigación e documentación sobre a memoria das mulleres en Pontevedra.
Nesta xornada formativa presentaranse proxectos de recollida e documentación da memoria histórica local, con especial atención á memoria das mulleres.
O encontro desenvolverase de 17.30 a 20.30 horas e a previsión de intervencións é a seguinte:
• 17.30 h: apertura da xornada: presentación do programa A memoria das mulleres en Pontevedra
• 17.45 h: Carmen Suárez: presentación dos proxectos “Fálame de San Sadurniño” e “Memoria de muller” (Coloquio)
• 19.00 h: Antón Caeiro: presentación do proxecto “O faiado da memoria” (Vilagarcía) (Coloquio)
• 19.45 h: Patricia Arias: presentación do proxecto “Mecas A memoria das mulleres” (IES As Bizocas, Ogrobe) (Coloquio)
As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico a mulleresememoria@gmail.com indicando os seguintes datos: Nome e apelidos, Enderezo, Teléfono, Centro educativo, Asociación, Titulación ou actividade profesional.
Carme Suárez Nieto
Asturiana de nacemento, mais galega de adopción, Carme Suárez Nieto titulouse en Psicoloxía en Oviedo, onde se formou e traballou en diferentes áreas relacionadas coa selección de persoal, orientación laboral, igualdade de xénero e inclusión social, sendo unha das primeiras dinamizadoras na Rede de Telecentros de Asturias (2001-2005); o seu proxecto “Memoria de mujer” obtivo o premio á mellor iniciativa da rede de telecentros de Asturias (2005).
En Galicia foi responsable do deseño, posta en marcha e coordinación da Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Consellaría de Industria (2007-2010), onde se realizaron proxectos innovadores como “Memoria de Muller”, “Memoria dos oficios”, “Esignovisual” ou “Maiores con iniciativa” entre outros. Actualmente traballa como axente da Rede CEMIT no concello de San Sadurniño, onde desenvolve o proxecto “fálame de San Sadurniño”
Fálame de San Sadurniño
O proxecto baséase en obradoiros colaborativos nas sete parroquias de San Sadurniño, no que @s participantes aprenden a dixitalizar e xeolocalizar fotografías; posteriormente gravan un audio explicativo de cada imaxe, para subir logo o resultado final á web www.falamedesansadurnino.org: un espazo na rede, no que se mestura o pasado e o presente, en diferentes tipoloxías e soportes de información para convertérense nun espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das xentes e terras de San Sadurniño. En definitiva, trátase de crear unha comunidade na que simples fotos faladas carguen de sentido colectivo a pequenas vivencias individuais que, so en aparencia, semellan desconectadas.
Antón Caeiro Rodríguez
Nacido en Gondomar (Pontevedra) en 1960. Traballador da imaxe. Autodidacta. Comenza facendo películas e vídeos de ficción e experimentais. A partires de 1986 realiza documentais de Memoria oral como Aillados, A memoria nos tempos do volfram, El ruido y el silencio, Esta noite, velada ou Desde dentro do corazón. Desde 2008 participa, xunto a Margarita Teijeiro, no proxecto O Faiado da Memoria. Información sobre O faiado da memoria: www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria
Patricia Arias Cachero
Fixo estudos de Filoloxía galego-portuguesa. Foi bolseira na Fundación Otero Pedrayo. Na actualidade é profesora de Lingua galega e
literatura no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa. Desde hai dez anos é membro do consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina, en cuxas páxinas colabora con asiduidade. Foi a coordinadora dos libros Mecas. A memoria das mulleres (IES As Bizocas, 2009),Mecos. A memoria dos homes (IES As Bizocas, 2010), Dicionario dos alcumes do Grove (IES As Bizocas, 2011) e Talasonimia do Grove (IES As Bizocas, 2012).











