“Voces para un centenario” chega co concerto da Coral Máximo Patiño a Vilaxoán
O ciclo de concertos “Voces para un Centenario” recala esta fin de semana en Vilaxoán. Será o domingo coa actuación da Coral Máximo Patiño na igrexa de san Martín de Sobrán que comezará ás 19:00 horas. Este é o único caso no que a actuación corre a cargo da coral da mesma parroquia, algo que se programou a petición do propio párroco. Para a ocasión, a formación Máximo Patiño interpretará un variado programa con diversos estilos musicais.
Como todos os concertos do ciclo programado pola Concellería de Cultura dentro dos actos conmemorativos do Centenario, a actuación do domingo terá entrada libre e de balde.
O programa a interpretar pola coral que xa conta con cincuenta anos ás súas costas e que na actualidade dirixe Modesta Padín Domínguez, componse dos seguintes temas:
LA GOLONDRINA- N. Juárez.
ZORONGO- Francisco Vila.
LÉVAME- Popular.
AROSA- Popular.
ERES TÚ- Juan C. Calderón.
SIBONEY- Ernesto Lecuona.
CANTICORUM- G.F. Haendel.
ONDA TI- Espiritual.
PANIS ANGELICUS- César Frank.
AVE MARIA NO MORRO- Herivelto Martins.
SALVE ROCIERA- M. Pareja- Obregón/ Belton.
A Coral Polifónica Máximo Patiño de Vilaxoán recolle a tradición cantora dos homes e mulleres do pobo mariñeiro. Corría o ano 1962 cando Don Máximo Patiño Méndez decidiu crear unha coral. A agrupación presentouse nas instalacións da empresa Atlántica, o 1 de maio de 1963. As primeiras pezas interpretadas foron, entre outras, “San Campio”, “Lévame” e “Ave María”. Daqueles trece homes e sete mulleres iniciais xurdiron en longa sucesión, máis de 400 cantores que enriqueceron a coral co seu bo facer e a súa calidade humana.
O 9 de setembro de 2003, a Coral crea a Asociación Cultural Polifónica de Vilaxoán e pasa a denominarse Coral “Máximo Patiño” en recoñecemento ó seu fundador e alma mater durante 40 anos. Neste tempo a Coral tivo outras iniciativas culturais: “Concurso Popular de Panxoliñas”, e “Vilaxoán Canta”, un espectáculo no que o pobo, reunido na praza, pola festa do Carme, canta cancións da época dos nosos maiores. Foi conducido durante 34 anos por Don Máximo Patiño, e na actualidade por Don Salvador Cores “Manso”.
No ano 2002 toma o relevo na dirección Dona Mª Luísa Rodríguez Veloso, que continuou coa labor do seu fundador, aportándolle a súa xove enerxía e a súa profesionalidade, ata finais do ano 2011. Dende xaneiro de 2012 a dirección está a cargo de Dona Modesta Padín Domínguez, e a finais deste mesmo ano, a coral celebra o seu 50 Aniversario, xunto coa Banda de Música de Castrelo e diversas agrupacións musicais.











