Venres Teatrais traerá á Laracha catro espectáculos para todos os públicos
O ciclo Venres Teatrais centrará, un ano máis, a oferta cultural do Concello da Laracha durante o mes de novembro que acaba de principiar. Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, apóstase por traer á Casa da Cultura da Laracha espectáculos teatrais de gran calidade e dirixidos a todos os públicos contando, nalgúns casos, con destacados actores do panorama audiovisual galego.
A comedia terá unha especial relevancia neste ciclo, aínda que tamén haberá espazo para a concienciación social cunha obra que se incluirá no marco do programa de actividades en torno á conmemoración do 25 de novembro como o Día internacional para a eliminación da violencia de xénero.
Serán en total catro obras de teatro as que se ofrecerán a todos os veciños da Laracha de xeito gratuíto os días 8, 15, 22 e 29 do presente mes de novembro. En todos os casos, a partir das 21.00 horas.
O ciclo Venres Teatrais deste ano abrirase o 8 de novembro con Chapuzas a domicilio, un espectáculo da compañía “A illa dos nenos” dirixido a todos os públicos no que se mesturan a maxia e a comedia.
O 15 de novembro a sesión teatral vai recomendada ao público adulto. Trátase do espectáculo cómico “de autoaxuda” titulado Operación comedia (Misión Sapiens), no que os coñecidos actores Xoque Carbajal, Jouse García, Xabier Deive, Marcos Orsi e Luis Iglesia tratarán de transformar aos asistentes en “seres humanos cultos, educados e capaces de manter unha conversa sobre calquera tema”.
Tesmoforias, da compañía El Ruiseñor, será a proposta para o 22 de novembro. Trátase dunha adaptación da obra clásica de Aristófanes escrita no ano 411 antes de Cristo. O espectáculo vai dirixido a todos os públicos e, a pesar de ser unha comedia, tamén terá unha mensaxe de concienciación social sobre a loita contra a violencia de xénero.
Por último, o venres 29 de novembro porase o punto e final ao ciclo con Gaivotas subterráneas, espectáculo a cargo dos actores Luis Iglesia (coñecido polos seus papeis en series da TVG como Matalobos e Terra de Miranda) e Xabier Deive (Matalobos e Padre Casares, entre outros traballos). Vai dirixido ao público adulto e a historia crea unha inquietante atmósfera ao redor da relación de dous vellos amigos, das feridas do pasado e dos conflictos vitais.
Como cada ano, desde o Concello da Laracha, e coa colaboración económica da Deputación Provincial da Coruña, apóstase por achegar este tipo de espectáculos ao municipio e ofrecer aos veciños a posibilidade de participar nesta alternativa cultural e de ocio, ademais dun xeito totalmente gratuíto para os asistentes.











