publicidade hoxe

Varias actuacións de recuperación medioambiental en Malpica de Bergantiños concentran un investimento de 100.000 euros

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 101.000 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Acompañada polo rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou o resultados das actuacións levadas a cabo con estes fondos. Por unha banda, o proxecto elaborado pola entidade local incluíu a creación dunha senda peonil e a dotación de servizos de saneamento e abastecemento de auga nun tramo da estrada AC-418, á altura dos lugares de Piñeiros e Vilarnovo.

Outra parte da subvención do Executivo autonómico tamén se destinou á recuperación ambiental do camiño que une os lugares da Borralleira e Barizo, co fin de paliar a súa degradación, eliminar os focos de contaminación e poñer en valor este espazo para o lecer e o aproveitamento dos veciños. O seu acondicionamento servirá tamén para que o camiño actúe como tornalumes no caso de producirse un incendio forestal. Precisamente, o concello tamén aproveitou o fondo para dotarse dun equipo de loita contra o lume para instalar no vehículo todoterreo que xa fora adquirido o ano pasado con esta mesma subvención. O equipamento consta dun depósito-cisterna de 300 litros, unha lanza de alta presión e outra de espuma.

Ademais, tal e como se prevé na orde do departamento autonómico, o concello destinou 30.694 euros da partida correspondente ao fondo a gastos de funcionamento da propia administración local vinculados con servizos que teñen asignadas funcións de protección do medio ambiente e do espazo natural.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados

Na súa visita á localidade, Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 780.781 millóns de euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

28 de novembro de 2013 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.