Unha vintenta de establecementos comezarán a servir as súas innovadoras degustacións en “Tapéate Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá a nova edición do certame “Tapéate Ferrol” que dará comezo mañá e se prolongará ata o vindeiro 8 de decembro. A edil estivo acompañada polo presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, Julio Martínez, quen destacou “a cocina innovadora desta edición”. Esta iniciativa promovida polo Concello de Ferrol en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, conta tamén co apoio da Deputación Provincial da Coruña.

Un total de 24 establecementos, principalmente do centro da cidade, participarán en “Tapéate Ferrol” e as tapas serviranse aos clientes a un prezo de 2 euros, consumición non engadida. A edil de Turismo destacou a importante consolidación do concurso de tapas en Ferrol “que valora e premia o bo facer da innovación dos nosos hostaleiros, e contribúe á dinamización do sector hostaleiro e a nosa cidade”. García Fraga tamén salientou que este novo certame conta cunha páxina web específica onde se pode consultar os locais e as tapas, así como descargar un mapa “para realizar rutas de tapeo” dixo. Toda esta información pode ser consultada na web: www.ferrol.es/tapeate.

Premios tamén para os clientes

No que atinxe aos premios, os propios consumidores escollerán cos seus votos as dez mellores tapas. Entre estas finalistas, un xurado de expertos gastronómicos concederá os tres primeiros, por valor de 400 euros -no caso do primeiro-; 300 euros -para o segundo-; e 200 euros -para a tapa que quede en terceiro lugar-. Así mesmo, os clientes concederán o Premio Especial do Público, consistente en 200 euros en metálico.

Ademais, e para incentivar a participación, a iniciativa “Tapéate Ferrol” contempla a realización dun sorteo entre as persoas que, ata o 2 de decembro, depositen os seus votos. Os participantes poderán optar a dous bonos que inclúen unha noite de aloxamento e almorzo para dúas persoas nunha casa de turismo rural en Ferrolterra.

27 de novembro de 2013 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.