Unha vintena de alumnos europeos estudan en Cambre dentro do programa Comenius

Vintena de alumnos europeos en Cambre
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, recibiu hoxe medio centenar de alumnos do IES Afonso X de Sigrás, entre eles a unha vintena de escolares de 3º e 4º da ESO procedentes de Turkía, Portugal e Reino Unido que se achan en Cambre no marco do Programa de Intercambio Educativo Comenius. Ademais dos alumnos desprazáronse ata o concello varios docentes de Romanía, Portugal, Reino Unido e Turkía. Durante esta semana os alumnos preparan un traballo relacionado coa tecnoloxía que presentarán o último día.
En concreto, a influencia que ten a tecnoloxía actual na súa vida cotiá. Ao final da semana presentarán un traballo en formato “Pecha Kucha, no cal se expón un traballo de xeito sinxelo e informal mediante 20 diapositivas mostradas durante 20 segundos cada unha.
Segundo José Viñas, titor do IES David Buján e un dos docentes implicados neste programa educativo europeo, a importancia destes encontros europeos reside na transmisión de coñecementos duns a outros estudantes e para iso é esencial a convivencia que realizan a diario. Así, os alumnos residen nas vivendas de estudantes cambreses durante esta semana.
O alcalde invitounos a coñecer os lugares de interese do municipio e de aproveitar ao máximo a súa estanza en Cambre “para empaparse da cultura galega”, apuntou. O programa que ten unha duración de dous anos proseguirá coa visita dos escolares do IES David Buján a Manchester (marzo 2014), a Romanía (maio 2014), Turkía (outubro 2014) e a Portugal e Holanda, xa en 2015.











