Unha trintena de restaurantes ourensáns ofrecerán pratos e menús de “películas” con motivo do OUFF
O Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará na nosa cidade entre o 16 e o 22 de novembro, estará acompañado da campaña “Ourense sabe a cine”, na que participan unha trintena de restaurantes da cidade, que ofrecerán os seus pratos e menús relacionados co mundo do cine. A iniciativa, que terá lugar por segundo ano consecutivo tralo éxito da pasada edición, foi presentada esta mañá no Salón de Plenos, xunto aos colaboradores que fan posible o seu desenvolvemento.
Os participantes que degusten os seus pratos, e suban ás redes sociais imaxes dos seus menús, optarán a pases dobres para desfrutar dunha relaxante sesión nas termas de Outariz. A campaña redundará tamén no enriquecemento da estancia na cidade de viaxeiros e viaxeiras, que non se limitarán soamente a gozar dunha sesión de cine, senón que poderán acompañala coa mellor gastronomía e as nosas augas termais nunha completa experiencia.
Coñecidos filmes como “O bosque animado”, “Big Fish”, “A matanza de Texas”, “Sete noivas para sete irmáns”, “La dolce vita”, “Sempre xonxa”, ou “Pulp Fiction” serán homenaxeadas cos seus correspondentes menús e pratos característicos, a prezos especiais.
A iniciativa está organizada polo Concello de Ourense no marco do Festival de Cine, a través das Concellerías de Cultura e Turismo, e conta coa colaboración de Aceites Abril, Cafés Lisboa, Gadis, Viña do Campo, Novagalicia banco e Coca Cola Light.
Twitter e Facebook
Para participar nas redes sociais con imaxes dos pratos e menús, ponse en marcha o “hagstag” #ourensesabeacine para Twitter, e pode empregarse o perfil do Festival de Cine en facebook: facebook.com/ourenseff.











