Unha mostra interactiva nos Museos Científicos coruñeses achega os pormenores do cerebro
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director territorial de “a Caixa” en Galicia, Marc Arthur Benhamou, e o secretario xeral da Fundación “a Caixa”, Luis Reventer, participou esta mañá na presentación da exposición Ilusionismo, maxia ou ciencia? que se pode gozar nos xardíns de Méndez Núñez ata o próximo 10 de xaneiro.
“Trátase dunha mostra que afonda nas relacións entre ilusionismo e ciencia, inspirada na premisa de que o cerebro é unha fábrica de ilusións,” explicou a concelleira.
Ana Fernández recordou que a programación infantil ocupa un lugar moi destacado no proxecto de Cultura, “O obxectivo é, non só o de conciliar a vida familiar e laboral, senón que os máis novos tamén teñan acceso á cultura. Esta mostra, que cumpre co dobre obxectivo de ensinar e divertir a todos os nenos que participen, é un bo exemplo,” explicou.
Neste sentido, a tenentede alcalde recordou que os Museos Científicos reciben máis de 100.000 visitas escolares cada ano (en 2012, Casa das Ciencias, 29.814; Domus, 36.578; Casa dos Peixes, 42.295). Ademais, o Aquarium recibe unhas 60.000 visitas anuais entre escolares e nenos que participan nas actividades “sendo a institución cultural galega que máis visitas escolares recibe e formando parte do ADN da cidade”, destacou.
Ilusión, maxia ou ciencia?, organizada pola Obra Social La Caixa en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, está formada por un espazo chillout onde poder afondar nos contidos da mostra consultando libros de divulgación científica e varios módulos interactivos:
– Os sentidos e a percepción do mundo.
– O cine: a máis grande das ilusións.
– O cerebro é así: as ilusións.
– Cómplices ou inocentes.
– Ábrese o pano.
A exposición, que permanecerá aberta ata o próximo 10 de xaneiro, complementarase con actividades e talleres:
– Visitas guiadas gratuítas para colectivos, dirixidas a centros escolares, asociacións e entidades socioculturais. Requírese reservar previamente.
– Visitas guiadas gratuítas. De luns a venres ás 18.00 horas. Sábados, domingos e festivos ás 12.00 e 18.00 horas. Para público en xeral, sen reserva previa.
– Taller El misterio da noite desaparecida (para nenos de 3 a 7 anos). Relato dun conto a partir de sombras chinesas. Sábados, domingos e festivos ás 11.00 horas. Sen reserva previa.
– Taller Altamente improbable. Sentidos, percepción e cerebro (a partir de 8 anos). Ilusións que exemplifican trucos que utilizan os ilusionistas e que se poden explicar dende distintas ramas da ciencia, como a física, as matemáticas ou a bioloxía. Sábados, domingos e festivos ás 12.00 horas. Sen reserva previa.
Ana Fernández tamén recordou a importancia que o Goberno municipal outorga a todas as actividades que fomenten a participación cidadá na cultura, destinando 863.000 euros do presuposto inicial de 2014 para a realización de actividades e exposicións nos Museos Científicos Coruñeses, na rede de bibliotecas municipais e en accións que se desenvolverán tanto noutras salas de titularidade municipal coma nos espazos públicos da cidade coa idea de achegar a cultura á sociedade.
A mostra coincide coa celebración nos Museos Científicos Coruñeses da Semana da Ciencia con xornadas de portas abertas na Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae. Ademais, mañá tamén se abrirá ao público na Casa dos Peixes a exposición National Geographic Society. 125 anos explorando o mundo, con fotografías que narran os momentos máis representativos da publicación nos seus 125 anos de exploración do planeta.
A Semana da Ciencia 2013 concluirá coa cerimonia de entrega dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, que terá lugar o sábado 16 de novembro no salón de plenos do Concello da Coruña.











