Unha estudante do Lyceè Savary de Mauléon realizará prácticas no Concello da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O irmandamento entre os concellos da Laracha e de Olonne sur Mer continúa posibilitando levar a cabo iniciativas enriquecedoras para veciños de ambos municipios que van máis aló das relacións meramente institucionais.

O último exemplo diso é que desde hoxe e durante as próximas catro semanas unha alumna do instituto no que cursan os seus estudos a maioría dos rapaces de Olonne sur Mer, o Lycèe Savary de Mauléon da localidade de Les Sables D’Olonne, efectuará no Concello da Laracha as prácticas do ciclo superior de “asistente de manager” que está a cursar actualmente.

Emeline Robert, de vinte anos de idade, foi recibida hoxe polos representantes do goberno local e coñeceu ao persoal laboral municipal, os que serán os seus compañeiros durante o próximo mes, durante o que a alumna francesa aprenderá e realizará traballos relacionados coa labor administrativa.

O interese por coñecer outra cultura e a inmersión lingüística na procura de mellorar a súa aprendizaxe do idioma español tamén foron esenciais para que Emeline Robert se decidise por realizar as prácticas no noso Concello e optase por aloxarse nunha vivenda particular, compartindo a súa estancia cunha familia residente no casco urbano da capital municipal da Laracha.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, deulle a benvida a Emeline e desexoulle que esta experiencia sexa enriquecedora e que durante as súas prácticas se cumpran os seus obxectivos. Asemade, o rexedor municipal mostrou a súa satisfacción por comprobar como o irmandamento con Olonne sur Mer continúa moi vivo e está a dar os froitos agardados. Ademais dos actos anuais organizados por ambos comités de irmandamento, durante os últimos anos realizáronse viaxes de intercambio entre alumnos dos institutos, favorecéronse as relacións entre asociacións culturais e clubs deportivos e promocionouse turisticamente A Laracha nesa zona do noroeste francés.

25 de novembro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.