Unha escolar de Ourense resulta gañadora do concurso ‘Mete unha vaca no Aquarium’

Obra gañadora do certame
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que unha alumna de 3º de ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense é a gañadora do concurso escolar Mete unha vaca no Aquarium.O fallo deste concurso faise público coincidindo co Día da Acuicultura que se celebra hoxe, 30 de novembro.
O pasado mes de outubro convocouse un concurso que convidaba aos escolares a realizar un deseño dunha vaca decorada con motivos relacionados coa acuicultura, o tema dunha exposición que se está preparando para o Aquarium Finisterrae.
Dos 3.009 debuxos recibidos, de 91 centros educativos de toda Galicia, resultou gañador o realizado por Esperanza Valentina Castro Isdahl-Troye, alumna de 3º de ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense. O seu deseño foi seleccionado por ser capaz de representar múltiples referencias da acuicultura, incluíndo desde perspectivas históricas até tecnoloxías modernas, sendo capaz de conxugar conceptos con solucións de gran valor expresivo. O deseño convida ademais á exploración, á reflexión e á procura dos diferentes elementos que o compoñen.
Tal como figuraba nas bases do concurso, o deseño gañador servirá para pintar unha escultura a tamaño real dunha vaca que formará parte da exposición no Aquarium Finisterrae. Ademais, a aula da estudante gañadora será convidada a visitar a exposición.
Desde a organización do concurso quérese tamén agradecer e recoñecer a participación dos máis de 3.000 escolares de toda Galicia. Unha gran parte dos deseños enviados demostran un gran exercicio de conceptualización e creatividade colectiva, cunha elevada diversidade de propostas válidas.











