Unha charla itinerante achega a historia de Vilagarcía aos alumnos de secundaria
A conmemoración do Centenario da unión dos municipios de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril e o conseguinte nacemento do Concello de Vilagarcía de Arousa abre neste mes de novembro unha fase didáctica destinada a dar a coñecer a historia local á mocidade da vila. Será a través dunha conferencia itinerante que percorrerá os centros de Secundaria e Bacharelato durante as vindeiras tres semanas. As concellerías de Educación e Cultura promoven a actividade.
Un licenciado en Historia que traballa como becario na área de Cultura será o encargado de impartir as sesións que comezan este venres no IES Castro Alobre. A conferencia terá a duración dunha clase polo que fai necesario comprimir a historia de Vilagarcía en tan só 55 minutos. Dada a limitación de tempo e o público destinatario, a conferencia incidirá nos momentos e feitos históricos máis salientables e que máis repercusión tiveron nas diferentes épocas do que hoxe é a nosa cidade, lembrando tamén a persoeiros insignes da cidade e os acontecementos nos que participaron. Serán pinceladas que partirán nos asentamentos castrexos do Castro de Alobre e que rematarán coa fusión de Vilagarcía, Vilaxoán e Carril.
As conferencias comezan cunha das sesións que se prevé máis numerosa, xa que a ela asistirán catro grupos de secundaria do IES castro Alobre. O acto celebrarase no salón de actos do centro a partir das 8:30 horas da mañá. O ciclo continuará os días 11 e 12 con sesións no IES Armando Cotarelo, o día 18 no colexio Filipense, o 19 no Bouza Brey, o 21 no San Francisco e os días 22 e 25 de novembro no IES Miguel Ángel González de Carril.











