Unha charla da Cámara de Comercio no IES Auga da Laxe fomenta o espírito emprendedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O IES Auga da Laxe acolleu, na mañá do pasado mércores, unha charla enmarcada dentro das Xornadas para o Fomento do Espírito Emprendedor, promovidas pola Cámara de Comercio de Vigo en colaboración coa Concellaría de Educación do Concello de Gondomar, co obxectivo de orientar e sensibilizar estudantes sobre esta opción laboral.

Na xornada, na que participaron 28 alumnos do centro, técnicos da Cámara de Comercio deron algunhas nocións básicas para a creación de empresas, como poden ser coñecer os distintos recursos que sexan necesarios ou a necesidade de elaborar un plan de negocio básico, requisito fundamental para que calquera proxecto sexa viable.

A xornada tamén contou coa colaboración de Felipe Feijoo Fernández, emprendedor e xerente de Call Center Miñor. Na súa intervención, Felipe relatou a súa experiencia como emprendedor e os pasos que seguiu para poñer en marcha o seu propio negocio.

Paula Bouzós, concelleira de Educación do Concello de Gondomar, espera que xornadas como esta axuden a fomentar o autoemprego entre os mozos. “O autoemprego é, hoxe en día, unha boa opción para aqueles mozos que non encontran un oco no mercado laboral”, e engade “a xornada tivo unha moi boa acollida, ao igual que sucedeu o ano pasado, por iso dende a Concellaría intentaremos volver repetir a experiencia o próximo curso”.

15 de novembro de 2013 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.