Unha auditoría desvelará aos empresarios de Mos se pagan correctamente os impostos locais
O contexto económico actual non é o mellor dos últimos anos, consciente diso é abrigo o tecido empresarial que ve minguar progresivamente os seus ingresos atravesando unha situación difícil, en moitos casos irreversible. A Asociación de Empresarios de Mos, no seu obxectivo de velar polos intereses dos seus asociados, traballando na súa liña de optimización de servizos e aforro de custos, ofrece un novo servizo enmarcado nun convenio de colaboración cunha consultoría e que se centra na realización de auditorías dende o punto de vista tributario.
Deste xeito, un grupo de profesionais ofrecerán tarefas de apoio, execución, asesoramento, asistencia técnica e xestión administrativa para lograr a optimización censual necesaria coa finalidade de conseguir un aforro efectivo da carga tributaria establecida polos impostos locais que os asociados deben asumir, tales como o IAE ou o ICIO.
Gran parte dos empresarios descoñecen, por unha parte, se os impostos que están a pagar periodicamente son os axeitados á actividade que desenvolven e, por outra banda, que existen profesionais dedicados a ofrecer este servizo de asistencia e colaboración co obxectivo de lograr a adecuación censual. “A través do convenio que asinamos con esta consultoría, as nosas 350 empresas poderán beneficiarse deste servizo a través do cal se lle realizará unha auditoría cualitativa dende o punto de vista tributario para poder achar posibles fallos censuais, informacións erróneas ou mal interpretadas que lle están a provocar unha perda importante de diñeiro”, explica Francisco Domínguez, xerente de AEMOS.
O aforro conseguido tras unha auditoría destas características varía en función da natureza e características de cada empresa pero pode ser mesmo do 50%. O grupo de profesionais encargado diso poñen de exemplo un cliente que estaba a pagar 60.000 euros anuais de IAE e tras os traballos de asistencia e colaboración efectuados resultou que o que debería aboar realmente eran 38.000 euros.
Para chegar a estes resultados, é preciso realizar unha auditoría interna que permita coñecer a situación censual actual da empresa e as consecuencias económicas que levarían consigo un inspección tributaria, así como un estudo pormenorizado de cada empresa sobre a base das súas características e tipoloxía, sobre a base do cal se presentarán as declaracións de alta, baixa ou modificación que correspondan.
Ademais da xestión censual dos tributos locais, tamén se abrangue a xestión administrativa destes, presentando recursos e solicitudes ante os órganos competentes e asesorando na confección de documentos que se utilicen no proceso de xestión e liquidación de impostos.
Este labor de auditar é crucial que se efectúe antes de finalizar o exercicio de cara a realizar os cambios oportunos, dentro sempre da legalidade, para que poidan ser aplicados de inmediato con efecto no ano próximo. De aí que dende AEMOS fan un chamamento a todos aqueles asociados a que consulten as posibilidades de executala na súa empresa para así poder beneficiarse dos resultados aplicándoos aos tributos correspondentes a 2014.











