Unanimidade no pleno de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Catro dos puntos da orde do día liquidáronse en pouco máis de cinco minutos, xa que só se ocuparon de aprobar a acta da sesión anterior, da ratificación e toma de acordos e resolucións, da incorporación ao inventario municipal das novas obras no pazo e no edificio anexo e da creación dun rexistro informatizado de empresas forestais que queiran operar no municipio de cara á aplicación da ordenanza reguladora das sacas de madeira.

Precisamente foi a desestimación das alegacións presentadas contra esta ordenanza a que ocuparía parte do debate plenario. A CONFEMADERA, a confederación que agrupa grande parte dos madeiristas galegos, presentou cinco alegacións contra a norma argumentando a incompetencia municipal para regulamentar a actividade extractiva, advertindo da sobrecarga administrativa que supón ter que solicitarlle permisos á Xunta e ao Concello, apuntando erroneamente que o Concello esixirá ao mesmo tempo unha fianza e un seguro e, por último, sinalando tamén que se vulnera a presunción de inocencia dos madeiristas e que non se cumpre a lei de protección de datos.

O Concello encargou un extenso informe que desmonta un por un todos estes argumentos e que, segundo o voceiro do grupo do goberno, “xuridicamente non teñen ningunha xustificación”. As alegacións foron desestimadas co voto favorable dos tres grupos municipais e sen que houbese debate sobre o seu contido, aínda que si sobre o feito de que o informe o elaborase a asesoría xurídica contratada polo Concello en vez de redactalo a secretaría municipal. De feito, o PSOE desviou o debate cara esta cuestión sinalando que se deben aproveitar os recursos profesionais dos que dispón o Concello. O alcalde puntualizou que os informes da secretaría-intervención municipal deben redactarse de oficio e non por solicitude do grupo de goberno. Xa no momento de presentar a ordenanza o secretario informou favorablemente sobre o proceso e, trala presentación das alegacións, o goberno buscou apuntalala por medio dun informe xurídico externo máis preciso elaborado pola mesma empresa que leva outros asuntos municipais. O propio secretario municipal destacou durante a sesión a calidade do informe e da súa fundamentación xurídica.

Finanzamento local e copagamento
O BNG presentou ao pleno un total de tres mocións. A primeira ocupouse de demandar do estado que se retire o decreto do copagamento dos medicamentos de farmacia hospitalaria ou que a Xunta non aplique a medida en Galicia. O grupo de goberno deixou claro que San Sadurniño asumirá os custes dos seus veciños -ata 4.20 euros por envase receitado- e a determinación municipal de seguir loitando contra unha decisión “que rompe coa universalidade da sanidade e que non se xustifica en aforro ningún”. O PSOE mostrou o seu acordo e engadiu que o copagamento polos medicamentos da farmacia hospitalaria “abre a porta” a que no futuro este tipo de medidas “vaian a máis”. O PP tamén anunciou o seu apoio á moción e preguntou sobre como ía facer o Concello para pagarlles aos usuarios as medicinas . Desde o goberno local anunciouse que se van redactar unhas bases para poder facilitar as axudas e que estas se ían conceder con criterios de “universalidade”, é dicir, independentemente do nivel de renda dos usuarios e usarias que precisan tratamento para doenzas graves e crónicas.

Unha segunda moción nacionalista ocupouse de reclamar da Xunta e do Estado maior finanzamento para os municipios “como administracións máis próximas ao cidadán”. Sobre este asunto pídese que a participación económica estatal contemple as especificidades de avellentamento e dispersión territorial de Galicia e, ademais, que as subvencións finalistas da Xunta -as que se suscriben individualmente con cada municipio sen que haxa criterios unitarios- vaian parar na súa totalidade ao fondo de cooperación local, que si se distribúen en base a poboación e superficie dos concellos. PP e PSOE votaron a favor da moción.

Aprobado o II Plan de igualdade
Na sesión tamén se lle deu o visto e prace ao documento que recolle o II Plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de San Sadurniño. Trátase dun resume de actuacións encamiñadas a conseguir “a igualdade real” entre homes e mulleres no territorio. Marca a folla de ruta que deberá seguir a administración local para avanzar neste obxectivo no periodo 1014-2017. O plan elaborouse coa implicación de todos os grupos municipais, pero tamén coa de traballadoras e traballadores do Concello e de entidades de todo tipo radicadas no concello.

A aprobación do II PIOMH veu precedida dunha moción nacionalista -tamén votada favorablemente por todos os grupos- na que se solicita da Xunta un apoio máis decidido ás vítimas de violencia de xénero axilizando e ampliando as axudas das que se poden beneficiar, dotando as administracións de persoal especializado e creando xulgados específicos naquelas cidades que aínda non dispoñen deles.

Mocións, rogos e preguntas
No pleno non se presentaron mocións pola vía de urxencia nin tampouco houbo rogos. Si houbo dúas preguntas formuladas polo concelleiro socialista. Fernando Márquez interesouse por se o grupo de goberno decidira xa cal sería o uso que se lle vai dar á escola unitaria do Eirexado tan pronto como finalicen as obras de rehabilitación para convertela en vivenda. O alcalde respostoulle que primeiro era necesario rematar os traballos e que despois se decidiría sobre a súa posible venda ou alugueiro.

Márquez tamén preguntou sobre cal era o estado do plan xeral. Cuestión que Secundino García aclarou indicando que toda a documentación estaba xa no Concello e que se lle ía remitir á Xunta para que emitise os informes correspondentes antes de poder comezar co proceso da súa aprobación.

Por último, e moi relacionado co anterior, o edil socialista tamén preguntou en que situación se encontran as negociacións sobre o convenio urbanístico suscrito coa cooperativa de San Sadurniño, despois de cumprírense os 5 anos de prazo para a súa execución.

A grandes trazos, o acordo alcanzado en 2008 era o seguinte: a cooperativa cedía os terreos para construír o Centro de Día a cambio de que o Concello recualificase varias parcelas dentro do novo planeamento urbanístico. No documento do convenio puxéronse 5 anos como prazo aproximado para facer esta recualificación. Tempo que non foi suficiente para ter aprobado o planeamento -entre outras razóns porque houbo varios cambios na lei do solo- e tempo tamén no que a cooperativa se disolveu.

Fernando Márquez interesouse sobre se o incumprimento dos prazos terá ou non custes para as arcas municipais. O alcalde explicou que nestes momentos se está negociando cos encargados de liquidar a cooperativa e que, en calquera caso, o Concello cre que o espírito co que se suscribiu o convenio segue vivo e que aínda se pode materializar co novo planeamento. Expuxo as distintas posibilidades que hai nestes momentos: a primeira é prorrogar o convenio ata que se aprobe o planeamento urbanístico, a segunda chegar a un acordo económico consensuado cos liquidadores sobre o valor do terreo que ocupa o Centro de Día e o terceiro que sexan os tribunais quen establezan o valor desa finca. Secundino García deixou claro que se non se segue adiante co convenio o Concello asumirá o pagamento do terreo “polo prezo que se estableza”, pero tamén advertiu que esta opción deixará tamén sen efecto o compromiso municipal reflectido no documento de recualificar outras propiedades da cooperativa.

9 de novembro de 2013 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.