Un músico de Louredo compón a ‘Muiñeira de Mos’ e entrégalla como agasallo ao Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Entrega da partitura

Entrega da partitura

O músico mosense Xulio Lorenzo fíxolle entrega onte ó Concello, durante o Festival BailaMos, da muiñeira por el escrita, ‘Muiñeira de Mos’.

Segundo o propio autor, “a ‘Muiñeira de Mos’ é unha peza alegre, divertida e fácil, que chega á xente”. Lorenzo é un mozo de 33 anos, natural da parroquia de Louredo, que leva dende os 12 anos de idade adicándose á música. Toca a gaita e a flauta e é ademais compositor, tal e como demostra con esta ‘Muiñeira de Mos’ cuia idea lle surxiu tras un ensaio e que lle levou pouco máis de un mes escribila.

Unha vez rematana a peza, Xulio Lorenzo e o seu grupo, Xabenga, decidiron presentala e tocala por primeira vez ante o público no seu municipio, en Mos, no Festival BailaMos que se celebrou no Multiusos das Pozas. Aproveitando a ocasión, este músico de Louredo fíxolle onte entrega á concelleira de Culura mosense, Sara Cebreiro, da partitura da ‘Muiñeira de Mos’, xa que esta peza musical, ademais de estar adicada ó pobo de Mos, constitúe tamén un agasallo do artista ó Concello. Deste xeito Mos xa ten a súa propia muiñeira que os grupos folclóricos locais, moi numerosos nesta localidade, xa a poderán interpretar nas súas actuacións sempre que queiran e así o desexen. Incluso esta peza podería ser empregada de xeito corporativo como ambientación musical en actos culturais institucionais do municipio. A verdadeira ilusión de Xulio é esta, que a súa creación sexa utilizada, e que os grupos musicais mosenses a interpreten.

Entre os moitos grupos musicais con berce no Concello de Mos atópase o recentemente fundado por Xulio Lorezo e que onte fixo o seu debut no Festival Bailamos. Trátase do Grupo Xabenga, que conta con seis integrantes: a vocalista Jenny Prado, o guitarra Xavi Collazo, a teclista Rebeca Baquero, a batería Myriam Cortizo, Martín ó acordeón e á gaita, e Xulio Lorenzo ás flautas e á gaita.

A este respecto a edil de Cultura, Sara Cebreiro, declarou sentirse emocionada e enormemente agradecida “ante este agasallo tan especial que Xulio Lorenzo tivo a xenerosidade de facerlle ó Concello de Mos e a tódolos seus veciños e veciñas”. “A partir de agora a localidade mosense xa ten a súa propia muiñeira que ogallá cobre a fama que merece e a ‘Muiñeira de Mos’ trascenda na historia da cultura galega”, dixo Cebreiro.

4 de novembro de 2013 | 15:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.