Un curso e un concurso organizados por SYME achegarán aos mozos a fotografía medioambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseXuventude
A-
A+

A Asociación SYME, co patrocinio da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense promociona a fotografía ambiental entre os mozos ourensáns cun curso de iniciación e un concurso, nos que poderán participar tódolos mozos ourensáns que o desexen. Tamén neste marco, organizan dous seminarios de sensibilización, que terán lugar durante a próxima semana. As tres actividades contan coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense da Universidade de Vigo.

A actividade “Curso e seminarios de sensibilización e fotografía ambiental” desenvolverase na Facultade de Ciencias de Educación, no edificio de Ferro do campus durante os días 12, 13, 14 e 19 de novembro, de 16:00 a 21:00 horas, co seguinte programa:

Martes, 12: Iniciación á fotografía medioambiental, a cargo de Víctor Barro

Mércores, 13: Seminario de sensibilización ambiental: Os espazos naturais de Galicia, a cargo de Noelia Gómez, bióloga para a conservación de espazos naturais e presidenta de SYME, e O polen como fonte de contaminación, a cargo de José Méndez, doutor en Bioloxía

Mércores, 14: Seminario Pensa globalmente, actúa localmente. Experiencias inspiradoras no eido local, a cargo de Pedro Díaz, de Amigos da Terra, e Iniciativas ambientais en Europa, por parte de Angel Dorrío, coordinador do programa de Xuventude en Acción de Amigos da Terra.

Martes, 19: Comunicación ambiental e proxecto fotográfico, por Víctor Barro

O Concurso de Fotografía ambiental de Ourense, que chega este ano á súa sexta edición, está dirixido a mozos de entre 16 e 35 anos, e conta con 3 premios: un teléfono móbil libre, un ebook e unha cámara fotográfica. Os interesados poderán presentar fotografías de temática medioambiental e premiaranse aquelas que destaquen pola súa maior calidade e a beleza da paisaxe.

Os interesados nestas actividades poden inscribirse na Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, na Praza de San Martiño, 2, baixo, ou na conserxería do edificio de Ferro do campus, ata o día 12 de novembro, se desexan participar no curso e seminarios, ou ata o día 20, se desexan participar no concurso fotográfico.

5 de novembro de 2013 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.