Un Azkar moi competitivo fixo sufrir ata o final ao FC Barcelona

Instante do encontro
O Azkar Lugo volve saír reforzado tras un partido a pesar de perder. Hoxe os lucenses souberon competir, souberon facerlle fronte ao FC Barcelona e souberon xogar ao fútbol sala ante un Barça que agora mesmo é o dominador do fútbol sala español. E todo iso a pesar das baixas, porque o Azkar Lugo afrontaba o choque mermado, pero hoxe o equipo foi iso, un equipo, e iso tivo o partido en albas ata os dous últimos minutos, só aí o Barcelona acabou por golear aos galegos (2-6)
O partido non puido empezar mellor para os azuis xa que aos 24 segundos do inicio do mesmo un saque rápido de Aranburu acababa co disparo de Antonio e o 1-0 ao marcador. Pero pouco lles durou a alegría aos lucenses xa que a estratexia dos cataláns tamén funcionaba e así ao minuto seguinte Igor empataba a contenda (1-1). Ese gol non pareceu acusalo o Azkar, o partido parecía empezar de novo e Álex Diz enviaba un disparo ao pau tras encarar a Cristian. Un minuto despois o seu irmán Antonio salvaba case en liña de gol un disparo de Fernandao. Durante algúns minutos os culés parecían ser algo superiores, pero Mendiola atallaba todos os disparos exteriores dos de Marc Carmona. O Azkar non escapaba de ter o balón e así cando o tiña amosábase atrevido, combinaba ben e ata levaba perigo como unha nova ocasión para Álex Diz que vía como Cristian lle atallaba o seu disparo coa cabeza ou cando a cinco minutos do descanso de novo o canteirán dentro da área con todo para facer gol mandábaa alta. E así se chegaría ao descanso, cun Azkar Lugo que merecía máis, ata chegar mandando no electrónico.
O FC Barcelona tras o paso por vestiarios pareceu mellorar. Tras un disparo de Iago Rodríguez que facía estirarse a Cristian, Fernandao estrelaba un balón no traveseiro. O hispano-brasileiro un minuto despois poría por diante aos seus tras tocar un balón dentro da área tras disparo exterior (1-2). O partido estaba aberto, o Barça gozaba de maior posesión con respecto aos primeiros vinte minutos pero o Azkar non estaba incómodo en defensa, estaba facendo sufrir ao campión de liga, e iso era grazas ao seu gran xeito de competir. Os Diz asociábanse constantemente para buscar o empate, Jandri buscaba levar ao equipo cara á meta de Cristian con boas contras, Iago pelexaba polos seus cada balón, o capi Aranburu estaba tirando do equipo, Cospe e Rubén achegando moito en defensa, Zala baixando balóns altos e pelexándose coa defensa rival… En definitiva, un gran traballo dos galegos e cun míster, Diego Ríos, que como declaraba ao termo do choque “paseimo xenial”. E é que durante moitos minutos o partido estivo aberto, ese era o obxectivo, e a pesar de que Fernandao a catro minutos do final puña o 1-3 no marcador, quizais no disparo menos claro dos culés, a dous minutos do final, e con Álex Diz facendo desde o minuto 36 o porteiro-xogador, chegaría o 2-3 co gol de Antonio Diz. Restaban pouco máis de dous minutos e o choque estaba totalmente aberto. Pero un erro no inicio de xogada de porteiro-xogador era aproveitado por Wilde para a portería baleira facer o 2-4. O partido agora si collía clara cor culé e máis cando no último minuto e medio, co Azkar envorcado, vía como dúas recuperacións dos cataláns selaban o definitivo 2-6 cos dous goles de Ari.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 2: Mendiola, Aranburu, Jandri, Iago Rodríguez e Antonio Diz, -cinco inicial-, Zala, Álex Diz, Cospe e Rubén Mouriz.
FC Barcelona Alusport 6: Cristian, Ari, Gabriel, Igor e Wilde, -cinco inicial-, Torras, Fernandao, Lin, Aicardo e Saad.
Árbitros: Arce Ruíz e De Juana González (comité cántabro). Amoestaron con cartón amarelo a Aranburu e Iago Rordríguez (Azkar). Sen amoestados o FC Barcelona.
Incidencias: 9ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 1600 espectadores.
Goles: 1-0 min. 1 Antonio Diz, 1-1 min. 2 Igor, 1-2 min. 23 Fernandao, 1-3 min. 36 Fernandao, 2-3 min. 38 Antonio Diz, 2-4 min. 38 Wilde, 2-5 min. 39 Ari e 2-6 min. 40 Ari.











