Últimos días para participar no programa de lecer para maiores “Xuntos polo Nadal”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O programa convócao a Secretaría Xeral de Política Social da Xunta, quen lle dará prioridade a aquelas persoas máis anciás que realmente non teñan con quen pasar o Nadal, a quen teñan menores ingresos, a quen non participase neste ano en ningunha estadía en balnearios ou a quen non gozase o ano pasado deste mesmo programa.

Outro requisito importante é que as persoas solicitantes poidan valerse por si mesmas, que non estean acollidas en ningún entorno residencial e que non padezan enfermidades contaxiosas nin trastornos que poidan alterar a convivencia.

A Xunta oferta 120 prazas na residencia de tempo libre do Carballiño -60 prazas correspóndenlles aos solicitantes da provincia da Coruña e outras 60 aos de Lugo- e outras 120 para a residencia de tempo libre de Nigrán, das que se poderán beneficiar as persoas solicitantes de Lugo e de Ourense.

O Programa contempla o aloxamento en habitacións compartidas e a mantenza en réxime de pensión completa durante 11 días (10 noites) entre o 23 de decembro e o 2 de xaneiro. A viaxe é de balde para quen teña ingresos inferiores ao IPREM -532,51 euros-, mentres que quen pase desa cantidade deberá facer unha única achega de 50 euros.

As solicitudes poden tramitarse a través do departamento de Servizos Sociais do Concello, onde tamén nos darán máis información sobre os requisitos e o contido do programa. O prazo remata o 25 de novembro

21 de novembro de 2013 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.