Últimos días para participar na I Xornada Micolóxica “As setas da Laracha”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A I Xornada Micolóxica “As setas da Laracha” desenvolverase este sábado baixo a organización do Concello e da Sociedade de pesca e conservación dos ríos Fario. As persoas interesadas en participar deben formalizar a súa inscrición, que é gratuíta, mañá venres antes das 15.00 horas acudindo á Casa do Concello ou chamando ao 981 605 001.

O obxectivo deste evento é iniciar á veciñanza en xeral do municipio sobre aspectos fundamentais relativos á recolección e identificación das diferentes setas que nesta época abundan polo noso termo municipal.

A xornada principiará cunha concentración ás 10.00 horas na praza do Concello. A continuación os participantes desprazaranse ata a zona de Gabenlle, onde se realizará a recollida das setas ata as 12.00 horas.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas e na Casa da Cultura da Laracha, o experto micólogo Tomás Rodríguez Novoa (socio da S.P.C.R. Fario e membro da Asociación Micolóxica Naturista “Pan de Raposo”) impartirá unha charla que xirará en torno aos aspectos clave para identificar as setas, facendo especial fincapé nas especies máis habituais e que poden atoparse con maior facilidade no Concello da Laracha.

A explicación do ponente complementarase cunha exposición de cogomelos nas propias instalacións da Casa da Cultura, o que permitirá aos asistentes aprender a diferenciar as diferentes clases dun xeito máis sinxelo e efectivo.

Os únicos requisitos para poder participar, ademais da propia inscrición, son utilizar unha vestimenta e calzado axeitado e dispoñer dunha navalla e un recipiente para a recollida das setas.

14 de novembro de 2013 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.