Tres novos contenedores responden ao incremento da recollida de aceite usado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte instalou tres novos contenedores para a recollida de aceite doméstico usado, co cal a cidade dispón de doce colectores deste tipo.

Os novos contenedores situáronse na rúa Chantada (zona superficies comerciais), nas vivendas sociais A Pinguela, e na rúa Escultor Francisco Moure (zona cruce con rúa Sarria).

O concello de Monforte iniciou a instalación deste tipo de contenedores no mes de decembro do ano 2007 e, paulatinamente, foi incrementando o seu número en consonancia co aumento da reciclaxe de aceite doméstico. Ademais dos tres recentemente instalados, a cidadanía dispón destes colectores na zona do Hospital, na rúa Coruña, na avda. de Galicia, na praza de Carude, na rúa Roberto Baamonde, na rúa Malvarón (cruce con Benito Vicetto), na rúa Ourense (cruce con Teceláns), na rúa San Pedro, e na rúa Calvo Sotelo.

A instalación destes colectores foi posible grazas ó acordo acadado pola concellería de Medio Ambiente coa empresa encargada da xestión da  recollida, Procesadora Gallega, para aumentar o número de contenedores na cidade sen custo algún para o Concello. A partir da sinatura do novo contrato de xestión, firmado a fins do pasado mes de outubro, o Concello tampouco terá que pagar polos gastos que orixina o mantemento destes colectores.

Os datos da recollida de aceite doméstico usado no ano 2012 reflicten un incremento excepcional respecto das derradeiras anualidades. No ano 2010, en 7 contenedores recolléronse 2.190 kg. de aceite usado; no 2011, en 8 contenedores recolléronse 1.800 kg.; e no ano 2012, en 8 contenedores, recolléronse 4.110 kg.

Se traducimos estas cifras a porcentaxes, obtemos un crecemento do 128  %  respecto do aceite recollido no ano 2011, e do 87 %  respecto do ano 2010.

A media de quilogramos recollidos mensualmente nestas anualidades foi de 182,5 kg. mes no ano 2010, 150 kg. mes no 2011, e 342,5 kg. mes no ano 2012.

Os datos da recollida dos primeiros nove meses do ano 2013 confirman a consolidación do incremento rexistrado no 2012. Entre xaneiro e setembro do ano en curso recolléronse 3.220 kg. de aceite doméstico usado (260 menos que no mesmo período do ano pasado), o que fai prever que no 2013 a cantidade total de quilogramos recollidos sexa similar á do ano 2012.

Dende a concellería de Medio Ambiente agradécese a colaboración veciñal no proceso da reciclaxe do aceite usado, animando á cidadanía a continuar na mesma liña e lembrando que un quilo de aceite usado que tiremos polo vertedoiro contamina mil cen litros de auga limpa dos nosos ríos.

Se extrapolamos esta máxima ós datos da xestión do aceite doméstico usado dos derradeiros anos obteríamos qué, co xesto de eliminar correctamente este residuo, evitamos a contaminación de case  9 millóns de litros de auga nos últimos tres anos (2010, 2011 e 2012).

O aceite doméstico usado debe depositarse nos propios envases que se utilizan para levalo ó colector, envases que deberán ser obrigatoriamente de plástico.

14 de novembro de 2013 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.