Tomiño pon en marcha a segunda edición do programa “É aprender” para previr o abandono escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+
Clausura do programa "É aprender"

Clausura do programa “É aprender”

O Concello de Tomiño vén de por en marcha a segunda edición do programa de reforzo escolar “É Aprender”, para axudar a reducir a porcentaxe de abandono existente no municipio no Ensino Secundario.

Tras a experiencia piloto posta en marcha nos últimos meses do curso anterior, e tendo en conta  os bos resultados acadados (participaron máis de 40 nenos e nenas de ESO), a Concellería de Educación da continuidade ao programa, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), que coordinará tarefas de reforzo escolar, técnicas de estudo e xogos educativos, impartidas por dezasete voluntarias, en distintas parroquias da vila (Currás, Estás, Piñeiro e Tebra), dous ou tres días á semana, durante as tardes.

Mellorar a adquisición de competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar; atender aos escolares con menor motivación e problemas de aprendizaxe; favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables; propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar e impulsar a coordinación entre institucións e organizacións da contorna para previr o abandono escolar, son os principais obxectivos do programa “É Aprender”.

A alcaldesa Sandra González, considera a este proxecto de vital importancia, xa que está orientado á prevención do abandono escolar, dando apoio non so ao alumnado senón tamén ás familias, ás que se brinda apoio psicopedagóxico. Neste senso salienta a colaboración do IES de Tomiño e o traballo desinteresado das voluntarias da OMIX, que coordinarán as aulas postas en marcha no curso anterior nas parroquias.

5 de novembro de 2013 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.