Tomiño felicita ao piragüista Rubén Millán e ao Club Deportivo Miño polos galardóns acadados na gala do piragüismo galego
O Concello de Tomiño quere facer chegar na súa noraboa aos piragüistas que onte foron galardoados na Gala do Piragüismo Galego celebrada no auditorium do edificio da Xunta de Galicia en Monteporreiro(Pontevedra). Trátase de Rubén Millán, veciño de Sobrada e deportista do Club Kayak Tudense (2º no Campionato de Europa sub-23 K-4 500 metros), e do Club Deportivo Miño “Os Teixugos”, de Goián, que resultou Campión da Superliga Galega de Augas Bravas 2013 (título logrado pola suma de puntos obtida nas distintas competicións de augas bravas).
A concelleira de Deportes do Concello de Tomiño, Cristina Martínez, salienta o esforzo dos palistas tomiñeses que, a pesar das dificultades económicas derivadas da crise, polas que atravesan os clubs na actualidade, seguen a loitar por mellorar o seu nivel competitivo.
Por outra banda, é de destacar que Rubén Millán é un dos sete palistas galegos que participarán no “Proxecto Kayak 1000”, entre os días 1 e 8 de decembro, na Residencia Blume de Madrid, preparándose para as competicións internacionais da vindeira tempada.











