Tomiño e Vila Nova de Cerveira acollen a celebración dos XXVII Xogos Galaico Durienses
O Concello de Tomiño e o portugués de Vila Nova de Cerveira, acollerán os días 19 e 20 de novembro a celebración dos XXVII Xogos Galaico-Durienses.
Este vento deportivo universitario porá en competición durante dous días a 200 deportistas seleccionados (estudantes, docentes e outro persoal) pertencentes ás seis universidades públicas da Eurorrexión: universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto. Cada unha das delegacións universitarias estarán formadas por 33 deportistas e técnicos, que competirán nas modalidades de baloncesto, fútbol sala e xadrez.
O evento foi presentado este mediodía no Concello de Tomiño pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Joao Fernando Brito Nogueira, acompañados polos responsables da área de Deportes de ambos os dous municipios; o director AECT Galicia-Norte de Portugal, Juan Lirón; o director da Fundación CEER, Rubén Lois, e representantes das universidades implicadas na actividade.
Abriu a quenda de declaracións a alcaldesa de Tomiño, quen deu a benvida ao seu homólogo portugués, na que foi a súa primeira visita oficial ao Concello, dende que este asumiu coma presidente da cámara municipal.
O rexedor luso, pola súa banda, salientou a tradición de cooperación que existe entre as dúas localidades fronteirizas, afirmando que esta é outra oportunidade de estreitar lazos e ao mesmo tempo, “levar a universidade a outros ámbitos da sociedade”.
Fernando Parente, da Universidade do Minho, explicou pola súa banda, que os fins principais desta competición interuniversitaria é fomentar a convivencia entre estudantes e profesores dun e outro lado da fronteira.
Juan Lirón, da AECT Galicia-Norte de Portugal, comentou que o propósito da actividade é a cooperación transfronteiriza nunhas áreas consideradas estratéxicas, coma son a educación e o deporte.
Coma novidade destes xogos, mencionou as xornadas sobre deporte universitario, que terán lugar no Auditorio de Goián na mañá do martes 19, e nas que participarán especialistas en temas deportivos co fin de reflexionar sobre “como pode a universidade dar servizo ao resto da sociedade neste eido”.
Rubén Lois, director da Fundación CEER, lembrou que un dos obxectivos desta entidade, que engloba ás seis universidades participantes, é organizar eventos que vinculen a persoas e organismos dun e outro lado da fronteira. Salientou neste sentido, a importancia de recuperar nesta XXVII edición, a participación dos seis centros educativos superiores de Galicia e Norte de Portugal.
Por último, a concelleira de Deportes do Concello de Tomiño, Cristina Martínez, adiantou aspectos técnicos das competicións que se desenvolverán de forma simultánea nos dous concellos, durante a tarde do día 19 e a mañá do 20 (xúntase programa detallado de actos e actividades).
Organización
A XXVII edición dos Xogos Galaico-Durienses está organizada pola Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) en colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), ambas entidades dedicadas á cooperación transfronteriza Galicia-Norte de Portugal, xunto con seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal (universidades de Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, Vigo, Minho, Porto e A Coruña), o Concello de Tomiño e a Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Tamén o grupo galego Gadisa, decidiu apoiar este vento co seu patrocinio.
Programa
Os XXVII Xogos Galaico Durienses iniciaranse o día 19 de novembro, ás dez da mañá, hora española, cun Seminario de Deporte Universitario “O deporte universitario na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Liñas estratéxicas, orientacións e principais desafíos entorno a Estratexia Europa 2020”, no Auditorio de Goián, en Tomiño. No seminario participarán representantes dos servizos e titulacións deportivas das seis universidades públicas da Eurorrexión, xunto cos representantes de deporte das corporacións municipais de Tomiño e Vila Nova da Cerveira. Un encontro que será moderado polo Prof. Manuel Janeira, Pró-Reitor de Cultura, Desporto e Lazer da Universidade do Porto.
Á unha da tarde, hora española, celebrarse o acto solemne de inauguración dos XXVII Xogos Galaico Durienses, no mesmo Auditorio de Goián, en Tomiño, para dar paso xa ás catro da tarde, hora española, o inicio da competición deportiva na modalidade de fútbol sala no Poliderpotivo da Tomiño. Á mesma hora dará comezo no Polideportivo de Vila Nova de Cerveira, a competición na modalidade de baloncesto.
As competicións do día 19 prolongaranse até as dez da noite (española), continuando no día 20 de novembro até as dúas da tarde (hora española), momento no que está prevista nas instalacións do Pavillón Municipal de Vila Nova de Cerveira, a entrega de trofeos aos gañadores das disintas modalidades deportivas.
No mesmo pavillón, posterior á entrega de trofeos, celebrarase a Cerimonia de Clausura desta edición dos Xogos Galaico Durienses; acto ao que asistirán o Secretario de Estado do Desporto e Juventude de Portugal, o Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, o Presidente da Fundación CEER e Reitor da Universidade do Minho, a alcaldesa de Tomiño, o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, e representantes institucionais das seis universidades participantes.











