Tomiño asinará un convenio para a construción da Escola Infantil de Goián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

A alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González, asinará mañá, 8 de novembro, ás 11.00 horas, coa presidenta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o convenio de colaboración para a construción  da nova Escola Infantil de Goián.

O goberno local de Tomiño, estaba á espera da sinatura deste convenio, dende o pasado mes de marzo, cando a Xunta anunciou a realización da obra, no marco do Plan Educa3, do Ministerio de Educación, e despois de que o Concello confirmara a achega esixida ao ente local do 40% do investimento total, ademais da cesión dos terreos e correspondentes informes de viabilidade urbanística.

O Concello enviou unha carta ao Consorcio a principios do mes pasado, lembrándolle o compromiso adquirido cos veciños de Goián, e advertindo do risco de perder os fondos consignados neste exercicio orzamentario.

A obra ten un orzamento de 610.000 euros, achegando o Concello o 40% da suma, ademais de ceder os terreos e a antiga casa médica de Goián, para a execución da nova escola infantil, con 61 prazas de 0 a 3 anos, que verían a sumarse ás máis de 40 que ten a Escola Infantil do Seixo.

Ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspóndelle a xestión e desenvolvemento dos convenios de colaboración co Concello de Tomiño.

Logo da sinatura do convenio a conselleira e a alcaldesa trasladaranse ata as instalacións da Asociación Vontade  (Barrio A Rocha, 19B), que serán inauguradas ás 12.00 horas.

7 de novembro de 2013 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.