Tomiño abre unha nova rúa no núcleo urbano do Seixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Nas vindeiras semanas comezará a executarse a obra de urbanización “Área de Reparto Nº 2”, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tomiño(PXOM), que significará a urbanización e humanización dunha superficie superior aos 6000 m2 e a apertura dunha nova rúa que comunicará dúas das zonas principais do casco urbano.

Asemade, crearase unha nova praza pública de 500 m2, unha parcela para equipamentos; un estacionamento de máis de 50 prazas en superficie e unha zona verde de 1700 m2.

A urbanización, cun custe de 230.000 euros, será asumida polo Concello; coma contrapartida, lle será cedido un solar para a construcción de vivendas de protección oficial, que pasará a incorporarse ao Patrimonio Municipal do Solo do Concello de Tomiño. “Esta actuación non é illada; é planificada no marco da transformación do casco urbano de Tomiño, polo que este equipo de goberno aposta; especialmente neste tempo de crise no que é necesario ser previsor e dotar de servizos áreas que nun futuro próximo poderán edificarse”, explicou Uxío Benítez, concelleiro de Urbanismo e Facenda.

O edil cre que este é un proxecto estratéxico que servirá para que o núcleo do Seixo siga medrando dun xeito ordenado e con maior calidade de vida, ademais de contribuír a desconxestionar o tráfico na zona céntrica.

Neste sentido, proxéctase a apertura dunha nova rúa de 16 m de sección, con dobre sentido de circulación que, dándolle continuidade á rúa do Rosal, unirá a rúa Colón co Camiño do Alivio, eixo central da ordenación sobre o que se articulan os espazos públicos e as dotacións previstas.

A urbanización proxectada permitirá dar acceso as novas edificacións definidas na ordenación, xerando a súa vez, espazos libres e zonas verdes públicas na zona central da intervención. Os pasos de peóns serán resaltados para aumentar a seguridade da zona.

Nas beirarrúas executarase un pavimento de adoquin de formigón coloreado similar ao existente na Praza da Mina, con bordos de formigón. Para a calzada e os aparcamentos, adoptarase un pavimento de formigón sobre unha base de zahorra.

A urbanización estará dotada de todos os servizos urbanos necesarios para abastecer ás novas parcelas xeradas. Así mesmo, dotarase a área de sinalización e mobiliario urbano, proxectándose a iluminación de toda a zona con criterios de eficiencia enerxética.

As obras iniciaranse nas vindeiras semanas, sendo o prazo de execución estimado de tres meses.

1 de novembro de 2013 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.