Teo programa música, vídeos e poesía contra a violencia de xénero
O Concello de Teo conmemora o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, cun acto público no CSC da Ramallosa o venres 22 no que a música, a poesía e a imaxe servirán para berrar contra este tipo de violencia que é de facto un problema que afecta a toda a comunidade. Esta actividade comezará ás 19:00 horas coa lectura dunha declaración institucional.
A continuación proxectaranse varios vídeos e rematarase cunha performance poético musical do IES de Cacheiras, “Promesas de amor”. Nos últimos anos dende o Departamento de igualdade do Concello de Teo cóntase coa participación activa do instituto neste tipo de actividades para fomentar a igualdade e o respecto. Trátase dun xeito didáctico de traballar coa mocidade, unha xeración na que lonxe de ter desaparecido a violencia de xénero esta segue a ser un problema. O espectáculo do IES está montado sobre textos de Clara Gayo e de Xohana Torres. A música está composta e interpretada por un alumno de 3º da ESO, Pablo Fernández e rematarán cunha canción de Bebe. A posta en escena conta coa dirección de tres mestres do centro.
Respecto da parte audiovisual proxectarase un corto sobre a violencia no ámbito doméstico, “El orden de las cosas”, dos irmáns Esteban Alenda. Tamén se verá o vídeo editado o ano pasado polo Concello “A sociedade é o mellor recurso” no que aparecen as caras de persoas que forman parte da nosa sociedade e particularmente da comunidade teense, como unha metáfora da rede de apoio que supón a sociedade para acabar coa violencia contra a muller.
Durante o curso escolar o persoal do Centro de Información á Muller tamén traballa nos centros escolares os conceptos da igualdade a través de diversos talleres e actividades. Nestes días, máis preto do 25 de novembro, intensifícase esta actividade nos colexios sobre todo no instituto onde o alumnado ten unha idade na que xa son conscientes deste tipo de problemáticas.











