Teo inicia a programación de Nadal co “Cantateo” na Ramallosa
O Concello de Teo abre a programación de Nadal este domingo co comezo do Cantateo. Este programa intenta xuntar aos coros e corais do Concello en actuacións os domingos do mes de decembro. Aínda que inicialmente se realiza en igrexas dende hai uns anos faise no Centro Sociocultural da Ramallosa, nun intento de popularizar estas actuacións. Trátase dun programa cunha gran tradición no que este ano participan sete formacións.
A primeira actuación é este domingo 1 de decembro ás 17:30 horas. Actuarán o Coro Parroquial de Cacheiras e a Coral Polifónica da S.R. de San Xoán de Calo. O domingo 8 será a quenda da Coral Polifónica de Luou e das Cantareiras e o grupo de gaitas da Mámoa da mesma parroquia.
O Cantateo péchase este ano o domingo 15 coa presenza do Coro Parroquial de San Francisco de Asís, a Coral da A.C. Cruceiro de Monte e o Grupo de Canto Aleceia, tamén dos Tilos.











