Teo acolle o espectáculo dos “Axóuxeres” na Ramallosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTeo
A-
A+

Os encontros dos Axóuxeres chegan un outono máis a Teo. Concretamente este sábado ás 18:30 horas no CSC da Ramallosa preséntase o novo espectáculo deste programa que visita concellos coma o de Teo, pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Neste edición a compañía encargada da función é Caramuxo Teatro, unha garantía cando se fala de teatro para bebés en Galicia.

As persoas interesadas en asistir deben saber que hai que inscribirse telefonicamente xa que o aforo é limitado. Para anotarse só hai que chamar ó teléfono 610 641 570 en horario de 10:00 a 14:00 horas e indicar o nome do cativo/a e o adulto que o vai acompañar. A entrada é de balde.

Este encontro dos Axóuxeres ten unha duración aproximada de 35 minutos e foi creado para ofrecerlles ós cativos/as un espazo onde desfrutar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego. Nesta obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións creadas para esta montaxe.

Na edición actual a historia xira en torno ó descubrimento do mundo que nos rodea,  de interese para satisfacer a curiosidade dos máis pequenos/as. Así elementos cotiás como as casas, a aldea, os animais, as estrelas ou a música son fíos conductores deste relato.

O Departamento de Cultura agradece que os asistentes colaboren co Banco Veciñal de Alimentos de Teo cunha doazón de produtos comestibles non perecedeiros.

5 de novembro de 2013 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.