Teo acolle o 10 de novembro a I Ruta BTT San Martiño
Este domingo 10 de novembro celébrase a I ruta BTT San Martiño 2013 como unha das actividades previas á cita coa feira do San Martiño, o luns 11 de novembro. A ruta comezará ás 09:30 horas e o lugar da saída é a carballeira de Francos (Calo). Dende alí os ciclistas deberán completar un circuíto de 22 quilómetros. A ruta contempla facer dúas voltas a ese percorrido pero tamén se permite a opción de rematar na primeira volta.
Despois da carreira haberá sorteos de material de ciclismo e outros agasallos entre os participantes. Tamén haberá postos de avituallamento e servizo de duchas.
Pero as actividades do programa festivo do San Martiño 2013 teñen outra cita xa mañá venres 8 de novembro cunha sesión do contador Celso F. Sanmartín na escola de Francos. Este monólogo comezará ás 21: 00 horas e a entrada é de balde.
Na víspera da festa, o día 10, a música será a protagonista, xunto cos postos dos polbeiros, que traballarán durante toda a fin de semana. Dende as 20:00 horas actuará a charanga “Pola corda” e a formación “Os Trebóns”.
O 11 de novembro a carballeira de Francos volverá a reunir a milleiros de persoas para celebrar unha feira cabalar con cinco séculos de historia. O mundo do cabalo, compradores, vendedores e mesmo curiosos serán fixos en Calo. Pero moita outra xente achegarase para degustar o polbo ou a carne ó caldeiro; mercar algún produto de artesanía, maquinaria, doces ou mesmo roupa.
O Concello programou para a xornada do luns a instalación dunha exposición de razas de animais autóctonas e unha zona na que se instalarán artesáns e produtores de agricultura ecolóxica.











