Teatro Monart representará un espectáculo cómico teatral en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+

Este domingo día 10 de novembro, a compañía Teatro Monart representará, ás 18:00 h. na Casa da Cultura de Monforte, a obra Contos ben dispares, un espectáculo dirixido ó público infantil e familiar.

Co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e dentro do circuíto Buxiganga, a compañía de teatro afeccionado da Pobra do Brollón porá en escena unha obra con monicreques e grandes doses de humor dirixida a tódolos públicos.

Uns personaxes moi peculiares chegan ás nosas vilas e aldeas. Son Afasio e Xeraldina, dous titiriteiros que nos ofrecerán historias para grandes e pequenos.

Teatro Monart xorde das inquietudes artísticas de Mónica García e Arturo Fernández co obxectivo de facer rir e ser transmisores de historias de valor social. Despois de varios anos de preparación en diferentes disciplinas teatrais e musicais, Mónica e Arturo xuntaron as súas ideas para crear Kasi circo, unha comedia infantil.

No ano 2011 viaxaron a Venezuela, país no que compartiron a arte do teatro de rúa e os monicreques da man da experiencia de mestres como Cheo Morales ou Gustavo Rivas. Alí aprenderon a importancia de saber rir, de ser transmisores da súa propia cultura e do valor incalculable do actor como comunicador social.

Logo de pasar nove meses en Venezuela, asentaron en Galicia, no concello da Pobra do Brollón, na parroquia de Salcedo.

O prezo da entrada será de 2 euros.

 

7 de novembro de 2013 | 11:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.