Teatro e cine conforman a oferta inaugural do Salón García na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Despois do espectáculo co que onte se inaugurou oficialmente o Salón García tras as súas obras de rehabilitación, o programa de actos para celebrar a reapertura da emblemática sala prosegue durante a fin de semana con actividades para todos os públicos. Teatro para o sábado, e un domingo con visita técnica e sesión continua de cine permitirán aos vilagarciáns gozar las recuperadas instalacións culturais e comprobar a ambivalencia das mesmas para acoller todo tipo de espectáculos.

O estilo “varietés” característico da sala dende a súa creación hai xa 130 anos e a mestura do espectáculos propios da época dourada do Salón García con outros máis actuais será a tónica predominante da programación da fin de semana.

Así, a sesión sabatina, aberta a todo o público previa retirada de invitación, abrirase coa proxección do documental sobre a historia do salón para dar paso, a continuación, a un espectáculo centrado no teatro, con varias representacións duración curta a cargo dos grupos locais Trípode, O Noso Lar e Clámide. Tamén haberá espectáculo de cabaret a cargo de Nydia, unha actuación cómico musical protagonizada por Gaspar González e Josito Porto e a proxección dunha cinta de cine mudo amenizada por pianista. O acto conducirao outro showman de Vilagarcía, o popular tacho González que tamén protagonizará un animado “combate” musical co seu irmán Garpar.

O domingo a actividade no Salón García será dobre. Pola mañá celebrarase unha “sesión vermú” específica para asociacións, grupos e produtores culturais con obxectivo de que coñezan as instalacións e vexas as súas posibilidades de cara á programación de eventos e actos culturais de diverso tipo. Realizarase unha visita técnica ás dependencias do salón, haberá un concerto da Banda de Música e finalizará o acto un aperitivo no vestíbulo do salón.

O público en xeral poderá pasar unha tarde de cine o domingo no Salón García onde está programada unha sesión continúa co pase de dúas películas. A sesión infantil comezará ás 17:00 horas coa proxección do clásico animado de Disney “El Libro de la Selva”, e as 19:00 horas será a sesión para todos os públicos que comezará coa proxección do documental sobre o salón García e a continuación pasarase “The Artist”, a película muda francesa rodada en branco e negro gañadora dun Óscar en 2012.

A entrada para a función do sábado e as proxeccións de cine do domingo é de balde con invitación. De sobrar entradas tras o reparto realizado nos últimos días, deixarase acceder ao público que acuda ata completar aforo.

16 de novembro de 2013 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.