“Tapéate Ferrol Outono 2013” conta coa participación de máis dunha vintena de establecementos hostaleiros da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo que dirixe María del Carmen García Fraga, organiza unha nova edición do certame “Tapéate Ferrol” que terá lugar do 28 de novembro ao 8 de decembro. Esta iniciativa promovida polo Goberno Municipal  en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, conta tamén co apoio da Deputación Provincial da Coruña. Un total de 24 establecementos participarán no concurso de tapas “Tapéate Ferrol Outono 2013”, que ten como obxectivo contribuír á dinamización do sector hostaleiro e os barrios da cidade, ao tempo que se da a coñecer a riqueza gastronómica de Ferrol e as distintas propostas dos establecementos do municipio.

As tapas serviranse aos clientes a un prezo de 2 euros, consumición non engadida. As degustacións gañadoras serán escollidas polos propios consumidores, os que elixirán as dez mellores cos seus votos. Entre elas, un xurado de expertos gastronómicos concederá os tres primeiros, por valor de 400 euros -no caso do primeiro-; 300 euros -para o segundo-; e 200 euros -para a tapa que quede en terceiro lugar-. Así mesmo, os clientes concederán o Premio Especial do Público, consistente en 200 euros en metálico.

Sorteo de bonos turísticos para os clientes

Ademais, e para incentivar a participación, a iniciativa “Tapéate Ferrol Outono 2013” contempla a realización dun sorteo entre as persoas que depositen os seus votos. Estas poderán optar a dous bonos para actividades turísticas en Ferrolterra, cada un valorado en 100 euros.

22 de novembro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.