publicidade hoxe

Supervísase o remate das obras de aforro enerxético levadas a cabo no Concello de Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadePontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cotobade para supervisar o remate das obras de aforro enerxético realizadas neste municipio e que supuxeron a instalación de novas luminarias en diversos puntos do municipio.

Esta obra realizouse grazas á subvención obtida polo Consorcio Conca do Lérez e que supón un investimento global de case 180.000 euros para a substitución de luminarias nos tres concellos que conforman esta agrupación (Cerdedo, Campolameiro e Cotobade), dos que o 85% foron subvencionados a través da Consellería de Economía e Industria. En concreto, no caso do concello de Cotobade, o investimento roldou os 60.000 euros.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jorge Cubela, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

No caso concreto de Cotobade, actuouse en 103 puntos de luz no cruce da Iglesia-Covas en Tenorio, onde se instalaron 103 reactancias electrónicas autoprogramables, 90 luminarias para lámpadas de descarga novas, reducindo as potencias destas. Tamén se instalou un reloxo astronómico.

Ademais, en Translamos, Tenorio, se actuou sobre 58 puntos de luz do mesmo xeito que en Covas, instalando reactancias electrónicas autoprogramables, reducindo as potencias destas e colocando un reloxo astronómico.

“En total”, explicou pola súa banda o alcalde da localidade, “actuamos nos 161 puntos de luz, o que suporía un aforro enerxético de 115.971 kwh ao ano, o que se traduciría en 16.609,77 euros”. Esto permitiría que o concello amortizase o investimento nun prazo de tres anos e medio.

En concreto, o Consorcio acolleuse a nova orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada en marzo pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

Estas axudas destínanse a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior cun orzamento global para o 2013 de case 4 millóns euros para toda Galicia, un 50% máis que o ano pasado.

O delegado territorial insistiu no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

O delegado territorial destacou que a obra visitada hoxe é un exemplo de proxecto desenvolvidos por agrupacións ou fusión de concello, “unha modalidade que, como novidade para este ano, foi valorada moi positivamente a hora da concesión das subvencións”. De feito, incrementouse nun 15% a contía da axuda a este tipo de proxectos con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

5 de novembro de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.