Sométese a información pública o estudo de impacto ambiental da variante de Portosin
Sométese a información pública o estudo informativo e de impacto ambiental da variante de Portosín. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia este trámite. Así, ata o 27 de decembro se poderán formular por escrito, ante as oficinas da Axencia Galega de Infraestructuras en Santiago de Compostela, observacións relativas ao trazado da estrada.
O obxecto do estudo informativo é analizar os datos precisos para definir os trazados das diferentes alternativas viables que sirvan de variante da AC-550 dende Taramancos ata Porto do Son. Esta formulación, baséase na dificultade de mellora da capacidade da vía autonómica actual (AC-550) por motivos xeométricos e de dispoñibilidade de espazo, o que aconsella proxectar unha vía de nova execución ó obxecto de diminuír os tempos de percorrido, reducindo retencións nos centros urbanos polos que discorre a estrada actual, favorecendo a circulación segura e desenvolvemento da zona, e incrementando o nivel de servizo actual.
Características das alternativas analizadas
O estudo informativo que se somete a información pública analiza tres posibles trazados dunha vía con limitación de accesos e velocidade de deseño a 80 Km/h, como alternativa ao itinerario actual no que se mesturan distintos usos: tráficos locais e de percorrido curto e medio, movementos de peóns, etc.
En todas as alternativas analizadas están previstas as seguintes conexións:
– Enlace en Taramancos coa Variante de Noia que está a executar a Xunta de Galicia, que estará en funcionamento no verán de 2014. Neste punto se inician todas as alternativas estudadas.
– Conexión coa DP-5708: permitirá a mellora das comunicacións de Portosín, e tamén as do Concello de Lousame.
– Ramal a Portosín.
– Conexión final coa AC-550: se estudan varias opcións entre Cans e as proximidades de Quintáns, por estar a zona libre de edificacións e permitir polo tanto unha boa conexión.
Polo tanto o estudo propón, ademais das conexións inicial e final coa AC-550, a execución de dous viais transversais de conexión intermedios que permitirán mellorar as conexións do Concello de Lousame, articular a rede viaria en Portosín, actualmente deficitaria, e dar servizo a este núcleo, xa que doutro xeito o trazado proposto sería unicamente útil para o tráfico pasante.
Trazado seleccionado
Despois dunha análise multicriterio de comparación de alternativas, a Xunta seleccionou a Alternativa B como a opción idónea para a construción da nova variante da estrada AC-550 no núcleo de Portosin.
Nesta alternativa, que conta cunha lonxitude de algo mais de 7,2 quilómetros, o trazado se inicia no enlace de Taramancos e remata na variante de Cans da AC-550. Para a localización do punto de conexión final tivéronse en conta as previsións do novo PXOM de Porto do Son en redacción sobre a ubicación do futuro punto limpo e área industrial.
O trazado bordea varias localidades, entre elas: Vilar, Boa, Meruso, Fontenla e Miñorto. En Miñorto, o trazado atravesa o val do Rego Hornado, unha zona de prados e cultivos, salvada mediante un viaduto.
O alzado presenta un perfil condicionado pola topografía do terreo e debido a isto, os aliñamentos resultantes superan lixeiramente o 7% na aproximación coa AC-550, sendo xustificado o deseño polos condicionantes externos.
A alternativa elixida é a que presenta unha menor afección de prados e cultivos e menor ruído e impacto paisaxístico, ao requirir menores movementos de terras.
Os responsables da Consellería de Medio Ambiente sinalan a necesidade de estudar as alternativas posibles entre Noia e Porto do Son, dando continuidade á variante de Noia, na actualidade en execución. Deste xeito, conseguirase articular o territorio da bisbarra de Noia reducir o tránsito polas travesías existentes entre Noia e Porto do Son, en especial polo núcleo de Portosín.
Esta actuación beneficiará directamente aos habitantes dos Concellos de Porto do Son, Lousame, e Noia, pero ademais potenciará as comunicacións desde Santiago de Compostela, ao dispoñerse dun itinerario con boas prestacións desde a capital de Galicia ata Porto do Son.











