Setenta xóvenes asisten ao obradoiro formativo de “Orientación Laboral” de Ribadumia
O Concello de Ribadumia, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, impartiu hoxe un obradoiro formativo sobre orientación laboral. Un grupo de setenta mozos e mozas menores de 30 anos participarán neste obradoiro, con carácter práctico e dinámico, que ofreceu aos asistentes información de utilidade na procura de emprego e nunha posible entrevista de traballo.
O curso tivo unha duración de dúas horas. Desenvolveuse na Casa da Cultura de Barrantes, entre as 11.30 e as 13.30 horas. Entre os contidos destacaron os recursos precisos para que os participantes adquiran as habilidades, destrezas, técnicas e instrumentos necesarios para poder desenvolver un proceso de busca de emprego adaptado ás súas necesidades. Así, o obradoiro contou con gran interese dos asistentes polos posibles nichos de emprego no mercado laboral xuvenil; ferramentas para atopar emprego; a importancia do curriculum vitae; uso da carta de presentación; e como afrontarse a unha entrevista de traballo.
Programa Actívate
Por outra banda, o Concello de Ribadumia ten previsto realizar entre o 2 e o 16 de decembro un curso de “ Elaboración de Tapas, Pinchos e Canapés” do programa Actívate que organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Son accións formativas para a mocidade, seguindo así o itinerario formativo orientado a xente de baixa cualificación e dificil empregabilidade, polo que será unha oportunidade importante de aprendizaxe e especialización.
O curso conta xa con 25 participantes e ten unha duración de 40 horas, das que 36 serán formativas do propio curso e 4 corresponderá a un taller de carácter obrigatorio sobre as habilidades sociais para a inserción laboral, técnicas de busca de emprego, elaboración do curriculum vitae, orientación laboral.











