Servizos Sociais da Coruña oferta case 500 prazas nos campamentos de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O responsable da área de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá os campamentos que a Concellaría levará a cabo durante o Nadal de 2013 dentro da campaña vacacional dirixida a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

“O obxectivo non é outro que crear un espazo de ocio para os máis pequenos, ao mesmo tempo que se ofrece ás familias unha alternativa real para a conciliación da vida familiar e laboral,” explicou o concelleiro.

En concreto ofrécense un total de 480 prazas, divididas en tres grupos con temáticas diferentes:
– O cine dos Elfos (grupo de 4 a 6 anos).
– A casa por Nadal (grupo de 7 a 9 anos).
– Tres, dous, un… acción (grupo de 10 a 12 anos).

Os campamentos urbanos desenvolveranse nos centros cívicos os días 23, 26, 27 e 30 de decembro, e os días 2 e 3 de xaneiro; de 10.00 a 13.00 horas. As prazas adxudicaranse por sorteo. A preinscrición realizarase os días 2 e 3 de decembro nos centros cívicos municipais en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. O sorteo será o día 3 en cada centro, as listas publicaranse o día 12 e a inscrición, o 13 e 14 de decembro.

A Concellaría de Servizos Sociais destina un investimento de 20.000 euros para a realización deste campamento. Esta cantidade completarase coas cotas que aboan os participantes e que se manteñen respecto a anos anteriores: 12 euros por persoa.

Actividades en centros cívicos municipais

Os centros cívicos municipais e veciñais da cidade teñen programadas diversas actividades relacionadas coa época do Nadal para todos os públicos. “Levaremos o Nadal a todos os barrios da cidade onde todo o mundo poderá gozar de infinidade de actividades cuxo principal obxectivo é o de ofrecer aos coruñeses unha proposta alternativa para o ocio e o tempo libre”, afirmou Lorenzo.

Así, cada centro cívico organiza, en atención ás súas características e ás necesidades da súa zona, actividades para adultos e menores como:
– Talleres de elaboración de postais do Nadal.
– Cuentacuentos do Nadal.
– Representacións teatrais.
– Festas infantís.
– Talleres de elaboración de menús do Nadal.
– Talleres de elaboración de repostaría do Nadal.
– Talleres de elaboración de adornos de Nadal.
– Actuacións de corais.

“Todos os centros cívicos contarán coa visita dos Reis Magos de Oriente que recollerán as cartas que os máis pequenos queiran enviar ás súas Maxestades”, destacou Lorenzo. Ademais, nos centros organízanse exposicións nas que o público pode ver unha mostra dos traballos que se desenvolveron nos talleres ao longo do ano.

A información detallada coas datas e horarios das diversas actividades pode obterse en todos os centros cívicos, na sección de Servizos Sociais da páxina web municipal ou no teléfono de información municipal 010.

26 de novembro de 2013 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.