Segunda edición da andaina contra a violencia do consorcio As Mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Hoxe tivo lugar a presentación da II Andaina contra a violencia de xénero que organiza o Consorcio As Mariñas, en colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Arteixo, con motivo do día internacional contra a violencia de xénero.

No acto estiveron presentes o alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo, o director do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas e concelleiro de Servizos Sociais de Oleiros, Ignacio Crespo, así como concelleiras de Servizos Sociais e Igualdade dos nove concellos que integran o Consorcio.

A II Andaina celebrarase o sábado, 23 de novembro, polo paseo fluvial de Arteixo, a partir das 10:30 horas, cun percorrido de 5 km. O obxectivo desta segunda andaina é amosar o rexeitamento de toda a sociedade á violencia de xénero, polo que se invita a participar a todas as persoas dos nove concellos que integran o Consorcio As Mariñas e da comarca. Varios concellos poñerán a disposición dos seus veciños e veciñas autobuses gratuítos para facilitar a súa participación na marcha.

Ás 10:30 h está prevista a saída da andaina dende a Oficina de Turismo de Arteixo e transcorrerá polo Paseo Fluvial ata á ponte dos Brozos e Loureda. Durante o percorrido haberá un avituallamento no que colabora Gadis. Sobre ás 12:00 h finalizará cun pequeno acto no anfiteatro que hai no paseo ou ben no pazo dos deportes, dependendo das condicións meteorolóxicas.

Nese acto a cantante Silvia Penide interpretará dous temas do seu repertorio e finalmente lerase a adhesión dos nove concellos que integran o Consorcio As Mariñas ao Pacto Local contra a Violencia de Xénero.

Este documento aspira a ser unha potente ferramenta de sensibilización e mobilización en contra da violencia de xénero e pola igualdade, ás que se espera que se sumen nas próximas datas entidades deportivas, culturais, asociacións veciñais, centros educativos, centros de saúde, tecido empresarial…

O clube deportivo “Luz Verde” colaborará no desenvolvemento do percorrido da andaina e o Clube de Calceta elaborará distintos materiais de sensibilización para que os porten os participantes.

O pasado ano esta andaina, na súa primeira edición, transcorreu polo paseo marítimo do Burgo, Cambre e Oleiros e participaron nela arredor de 300 persoas. Este ano agárdase que se poida superar esa cifra e seguir sumando persoas que se comprometan no rexeitamento á calquera forma de violencia, especialmente á de xénero, a través da súa actitude no día a día e na participación neste actividade saudable. Calquera persoa interesada en participar pode informarse nos servizos sociais ou no centro de información á muller do seu concello.

15 de novembro de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.