Seguimento dos proxectos que a consellería ten pendentes en Vilagarcía
O alcalde, Tomás Fole, mantivo unha entrevista de traballo co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández co obxectivo de facer seguimento dos proxectos que o departamento autonómico ten pendentes en Vilagarcía, para tratar de axilizar a súa xestión e para expoñer outras necesidades da cidade. A reunión celebrada en Santiago serviu para coñecer o estado actual de varios proxectos importante e para que o rexedor lle comentara a Hernández as carencias que presenta o polígono industrial de Bamio en materia de infraestruturas.
Froito desta nova solicitude, o titular de Medio Ambiente, comprometeuse a visitar proximamente Bamio para comprobar in situ o estado no que se encontra o polígono. Fole insistiu especialmente nos precarios accesos que ten o parque empresarial e que dificulta a actividade das formas alí instaladas, así como a necesidade de acometer beirarrúas en Bamio.
Outro dos temas polos que se interesou o rexedor foi polos prazos que manexa Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería, no relativo á obra de desvío da canalización do regato que atravesa o garaxe dun edificio en Rodrigo de Mendoza. Fole lembrou que se trata dunha actuación moi demandada e que os veciños afectados levan moito tempo esperando, mais aínda cando a temporada de chuvias xa comezou e os riscos de desbordamento do leito e de inundación da garaxe crecen día a día.
O conselleiro explicou que a obra licitouse en agosto pero que o elevado número de empresas presentadas ao concurso (30) está demorando a tramitación debido á necesidade de estudar, valora e informar cada unha delas. En calquera caso, Hernández asegurou que a obra adxudicarase no mes de xaneiro e a previsión é que os traballo comecen no primeiro trimestre de 2014.
O Plan Local de Saneamento de Vilagarcía, integrado no Plan Integral de Saneamento das Rías, foi outro dos temas polos que se preocupou Fole Díaz. A consellería elaborou un completo estudo da situación da rede de saneamento en Vilagarcía e determinou as actuacións a realizar para acabar cos problemas dos verquidos ao río e ao mar e tamén co das inundacións. O proxecto de Vilagarcía precisa un investimento de preto de 8 millóns de euros nos próximos anos que financiaría a Xunta a través de fondos europeos. O conselleiro de Medio Ambiente explicou que o inicio destas actuacións está pendente da distribución de fondos por parte da UE. Hernández asegurou que o plan de Vilagarcía é prioritario para o seu departamento polo que, tan pronto como se resolva o reparto dos fondos, poderase inicial a redacción dos proxectos individualizados para ir comezando a execución de forma paulatina.
O alcalde tamén comentou co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas algúns aspectos sobre a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que o Concello a efectos de coñecer prazos e indicacións para axilizar a súa aprobación.











