Santiago Futsal e Inter Movistar veranse as caras no encontro da xornada

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

Horas despois do seu compromiso de Copa do Rei ante Segovia Futsal, o Santiago Futsal pon rumbo a terras alcalaínas, para disputar mañá a décima xornada de liga ante o actual líder da clasificación, o inter Movistar, que suma 22 puntos tras disputar oito partidos nos que só cedeu un empate ante o FC Barcelona Alusport.

Os santiagueses chegan a esta xornada en quinta posición con 17 puntos e con só unha derrota en oito partidos, ante Montesinos Jumilla a domicilio. O resto son 5 vitorias e 2 empates, tamén a domicilio.

O espectáculo está garantido neste partidazo, que non deixou a ninguén indiferente nos seus últimos enfrontamentos. A tempada pasada, o Santiago Futsal deu a badalada no Multiúsos vencendo 5-1 aos de Jesús Velasco, mentres que no Caixa Madrid, os alcalaínos venceron 6-2. Os santiagueses só conseguiron unha vitoria a domicilio ante inter Movistar en Liga, na tempada 2005/2006, onde venceron 1-4.

O encontro entre inter Movistar e Santiago Futsal será mañá venres ás 20,30h dende o Pavillón Caixa Madrid e poderá verse en directo polas cámaras de Energy TV. Os árbitros do partido serán Díaz Rodríguez e García Hernández do colexio de Las Palmas e Tenerife.

Sala de prensa

Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, comentou na previa do partido que “mañá temos a oportunidade de resarcirnos do resultado de onte. Hai que cambiar rápido o chip e esquecelo canto antes, evitando cometer os mesmos erros”.

O técnico santiagués considera que o desgaste físico tras o partido de onte “foi máis do esperado tal e como se desenvolveu o partido, pero recuperarémonos canto antes para estar ao 100% para o partido de mañá”.

Analizando o rival de mañá, Santi Valladares considera que xogamos contra inter Movistar, líder da clasificación, na súa casa, aínda non perderon ningún partido, un equipo económica e deportivamente con moito máis potencial que o noso, pouco máis hai que engadir. Nós temos que saber o que temos que facer, debemos loitar coas nosas armas e poñerlle as cousas difíciles. Podemos gañar, perder ou empatar, pero temos que saír demostrando ser quen somos”.

7 de novembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.