Santiago acolle a cuarta edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco, presentaron a gala dos IV Premios Galicia á Xestión Deportiva, que se celebrará o venres 8 de novembro ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia. Son nove as categorías nas que se entregarán premios, outorgados por un xurado composto por representantes de AGAXEDE e doutras entidades vinculadas á xestión deportiva. Ademais, na gala entregaráselle a título póstumo a insignia de ouro de AGAXEDE a José Luis Salvador Alonso. A súa viúva recollerá a distinción.
Os galardoados nesta edición son:
– Premio ao/á mellor xestor/a deportivo/a: Carlos García Pardo.
– Premio á mellora actividade ou programa deportivo: Mancomunidade Terra de Celanova (Ourense).
– Premio ao mellor Concello de menos de 15.000 habitantes: Concello de Tomiño (Pontevedra).
– Premio á mellor entidade pública: Deputación de Pontevedra.
– Premio á mellor entidade privada: Rio Natura Monbus Obradoiro CAB SAD (Santiago de Compostela).
– Premio ao mellor estudo ou innovación: David Fabeiro Agraso.
– Premio ao mellor patrocinio deportivo: Aceites Abril (Ourense).
– Premio á xestión sostible no deporte: Sociedade de Montaña Artabros (A Coruña).
– Premio á xestión deportiva de integración social: Fundación María José Jove (A Coruña).
Conferencia previa do presidente da FAGDE
Con carácter previo á gala, ás 18:30 horas, Luis Solar, presidente da Federación de Asociacións de Xestores Deportivos de España (FAGDE) impartirá a conferencia “É rendible a pedagoxía para o fútbol español. Experiencia do Atlhetic Club”.
Luis V. Solar Cubillas (Noja, 1950) é Licenciado en Educación Física pola Universidade Politécnica de Madrid e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade do País Vasco. Vén compatibilizando dende hai 30 anos a dirección e administración do deporte coa docencia universitaria. Ocupou os cargos de director de Deportes do concello de Barakaldo e Bilbao (1983-1991), director do IVEF (1991-1999), director de Xuventude e Deportes de Bizkaia (1999-2003), director de Cultura do Concello de Bilbao ata 2007, coordinador xeral do Athletic Club de Bilbao (2007-2009). Na actualidade é responsable do cadro técnico de Bilbao Kirolak e profesor asociado da UPV/EHU (dende 1989).
Foi en dous períodos presidente de KAIT (Asociación Vasca de Xestores do Deporte), e ostenta dende abril de 2013 a presidencia da Federación Española de Xestores (FAGDE). Publicou, como autor, Pierre de Cobertin. La dimensión pedagógica (2003) e Deporte. El gigante virtual (2007); como coautor e editor, Deporte, gestión y municipio. Aspectos clave (2006), El deporte en la educación (2009), De Re Olímpica (2010) e De Re Olímpica II (2013); e como editor, Las culturas del fútbol (2008), Antecedentes del deporte y el olimpismo en la obra de Homero (Jover Ruiz. 2008) e El doping en los deportes de fuerza y resistencia (Manso, Vitoria. 2009).
Recepción ao Triatlón Arcade Inforhouse
O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, recibirán esta tarde, ás 18:30 horas, unha representación do Triatlón Arcade Inforhouse.
O Concello quere así felicitar ao club compostelán por unha nova temporada de éxitos e polo importante traballo de canteira que vén realizando dende a súa creación hai xa 18 anos. Nesta temporada 2013, o equipo masculino de elite foi o primeiro clasificado na Liga Nacional de Clubs. O conxunto feminino quedou en terceiro lugar. Ademais, os corredores das categorías absoluta, cadete, junior e sub-23 obtiveron resultados destacados tanto nos circuítos galegos de triatlón e duatlón.











