San Sadurniño ten aberto o prazo de inscrición no obradoiro de elaboración de sidra artesanal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O programa municipal Tempos para compartir celebrou un novo encontro de aprendizaxe en Santa Mariña do Monte na tarde do sábado. Cruz Piñón, veciña de Ferreira, deu unha clase maxistral sobre como preparar marmelo de mazá e tamén de como envasar peras en almibre. Ao obradoiro asistiron 22 persoas tanto da parroquia anfitrioa como das outras do municipio.

Compartir experiencias e saberes e, ao mesmo tempo, fortalecer o coñecemento e a relación entre os núcleos do territorio son os dous grandes obxectivos que persegue este programa municipal a medio camiño entre o lecer e a docencia desinteresada.

Cruz Piñón ofreceuse voluntaria para explicar que pasos hai que dar para converter as mazás da horta nun riquísimo marmelo do que poder gozar durante todo o ano. Piñón, toda unha experta na materia, ensinou a seleccionar a mellor materia prima por variedade e por punto de maduración, ademais de mostrar en directo o lento e constante proceso de cocción ata converter as mazás nunha pasta uniforme e sen grumos coa que facer máis doce calquera sobremesa.

A profesora deste Tempos… ocupou parte da sesión -á que asistiron 22 persoas de todo o concello- en traballar no envasado de peras, un froito máis delicado que a mazá en canto a manipulación e conservación. Unha das fórmulas de aproveitar as que teñamos na horta ou as que estean a piques de pasarse no froiteiro é gardalas en almibre. A auga e mailo azucre son capaces de preservar calquera froita durante meses e incluso anos, engadíndolles ademais novos sabores ao iren penetrando pouco a pouco na súa carne.

Coma Cruz Piñón, calquera pode converterse en docente dun obradoiro de Tempos para compartir. Abonda con contactar co Concello no 981 490 027 indicando que tipo de coñecemento se quere compartir e que materiais farían falla.

O próximo Tempos…, o 30 de novembro

Habitualmente os obradoiros desenvólvense os primeiros sábados de mes e cada vez nunha parroquia distinta. Porén, neste mes de novembro haberá dous Tempos…: o de Cruz Piñón en Santa Mariña e o que ofrecerá Vicente García Luaces en Ferreira o próximo 30 de novembro, no que aprenderemos a facer sidra artesanal. O obradoiro correspondente ao mes de decembro adiántase unha semana para que non cadre coa ponte da Constitución pero tamén para garantir que aínda haxa mazás aproveitables coas que elaborar o mosto.

Esta sesión de Tempos para compartir está programada para as 17.00h. e xa hai 10 persoas apuntadas. Ofrécense 25 prazas e a data límite de inscrición é o 22 de novembro. Para participar no obradoiro tamén hai que chamar ao 981 490 027.

13 de novembro de 2013 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.