San Sadurniño non repercutirá aos veciños o incremento da factura de SOGAMA
SOGAMA, a empresa participada pola Xunta que xestiona o lixo na maioría dos concellos galegos, incrementará nun 33% o prezo do tratamento dos residuos do colector verde. Os municipios pasarán de pagar 60 euros a algo máis de 80 por cada tonelada de lixo. Un incremento que en San Sadurniño non se lle repercutirá aos veciños, tal e como quedou patente no pleno extraordinario deste xoves. Na sesión, que durou pouco máis de 20 minutos e na que estiveron ausentes os membros do grupo municipal do Partido Popular, déuselle o visto e prace por unanimidade de BNG e PSOE aos catro puntos da orde do día.
Trala aprobación da acta da sesión anterior, o pleno meteuse en materia co debate ao respecto das obras que se incluirán no POS 2014. En total son 134.400 euros para varios asfaltados e para construír dúas novas sendas peonís, unha no Chao de Lamas e outra en Santa Mariña do Monte, coas que se lles dá resposta a peticións veciñais formuladas nas xuntanzas dos orzamentos participativos.
Porén, o Plan de Obras e Servizos provincial tamén reserva parte dos fondos para que os concellos os destinen a gasto corrente se o cren necesario. Neste sentido, dos 205.000 euros que percibirá San Sadurniño, un 35% irán a este apartado. O edil socialista, Fernando Márquez, mostrouse favorable á distribución de infraestruturas proposta polo equipo de goberno, aínda que matizou que se deberían facer máis obras “necesarias para o concello” en vez de meter en gasto corrente arredor de 71.000 euros. O voceiro do BNG, Suso Soto, puntualizou que nese capítulo, o de gasto corrente, é onde se computan gastos de mantemento municipais, nos que se inclúen tamén pequenas reparacións en pistas e outros bens públicos. Ademais, Soto engadiu -e aí saltou a noticia do lixo- que o Concello compensaría con parte dos cartos a suba de SOGAMA, de maneira que o Concello “non vai imputar este incremento nos recibos da xente”.
SOGAMA, que está participada pola Xunta e por Gas Natural Unión Fenosa, anunciou recentemente que subiría máis dun 33% a factura do tratamento de lixo. A empresa obtén parte dos seus ingresos vendendo a electricidade que xenera queimando os refugallos do colector verde. Porén, trala retirada das primas á electricidade producida con fontes renovables, SOGAMA enfróntase agora a unha baixa importante de ingresos que quere compensar incrementándolle o canon que lles cobra aos municipios integrados no sistema.
Escola infantil
O terceiro punto plenario centrouse na aprobación do proxecto de construción dunha escola infantil nos baixos do edificio anexo á futura Casa do Concello. A infraestrutura educativa terá capacidade para uns 40 nenos e nenas e as obras de acondicionamento están orzamentadas en 110.000 euros, toda vez que a parte estrutural xa se acometeu nos traballos de rehabilitación do edificio. O punto tamén obtivo a unanimidade dos e edís e edilas presentes no pleno. Desta maneira ratificouse o compromiso de incluír o investimento nos orzamentos do ano que vén e de presentar toda a documentación de cara a suscribir un convenio coa Deputación da Coruña para o finanzamento dun 80% das obras.
O PSOE preguntou se houbera “algún tipo de acercamento á Xunta” ao respecto da futura xestión do centro que, se se cumpren os prazos, podería abrir xa para o próximo curso. O BNG respostou que “cada vez que San Sadurniño se acerca á Xunta parece que a Xunta se alonxa de San Sadurniño”, habida conta de que en varias ocasións se expresou a necesidade dunha escola infantil para o municipio que nunca tivo resposta favorable por parte do goberno autonómico. Suso Soto lembrou a este respecto que “Feijoo comprometeuse no 2009 a facer unha escola infantil en cada concello de Galicia” e laiouse de que a día de hoxe o compromiso non se cumprira. O BNG puntualizou que o modelo de xestión “aínda non está decidido”. O alcalde explicou que a intención municipal é “ofertarlle o edificio á Xunta para que o xestione”, aínda que expresou as súas reservas sobre o éxito da oferta por causa dos “recortes” que para o BNG está facendo o goberno autonómico nos servizos relacionados coa igualdade e o benestar.
Modificación de crédito
O último asunto tratado no pleno foi unha modificación de crédito para incorporar remanente de tesourería de cara a financiar as obras de rehabilitación das antigas unitarias de Bardaos e Naraío e tamén parte dos traballos que se desenvolven no edificio anexo que o Concello tiña previsto cubrir cunha subvención do AGADER.
O concelleiro socialista anunciou o seu voto favorable á proposta, aínda que matizou este apoio dicindo que “ao mellor habería que tirar menos do remanente”. Márquez pediu que se axustase mellor o deseño das contas municipais para evitar “un orzamento inflado”. A este respecto, o concelleiro de Facenda e portavoz municipal do bloque respostoulle que San Sadurniño “fai un orzamento realista e axustado para non ter que andar facendo modificacións”. Soto lembrou que os orzamentos “son unha previsión de ingresos e gastos” e que moitos municipios, a diferenza de San Sadurniño, “aproban unhas contas baixas e despois teñen que andar facendo modificacións de crédito a medida que van necesitando facer investimentos”. O alcalde reforzou a intervención do portavoz nacionalista asegurando que o cumprimento do orzamento “estaría clavado” se se cumprisen as previsións de ter vendidas as vivendas antes do remate do ano e se se tivese percibido a subvención solicitada ao AGADER. Con todo, desde o BNG indican que a maior parte do remanente incluído na modificación recuperarase coa venda das vivendas rehabilitadas e será incorporado ás contas municipais como superávit











