San Sadurniño convoca un concurso de murais en conmemoración dos 40 anos do colexio público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este ano fanse catro décadas da posta en marcha do colexio público no centro de San Sadurniño. A comunidade educativa ten preparados varios actos para finais de mes entre os que se contan exposicións sobre a traxectoria do centro educativo, coloquios entre mestres e alumnos e un concerto con grupos formados por antigos estudantes. O Concello colabora na organización destes actos e, ademais, convoca un concurso de murais que premiará os 5 mellores deseños que despois se plasmarán no peche perimetral do colexio.

O concurso busca creacións novidosas e orixinais relacionadas co ensino que enchan de arte e cor as paredes grises do recinto. A convocatoria está aberta a artistas de todas as idades, quen poderán presentar ata dúas propostas nun tamaño non inferior ao A3. A técnica é libre, pero cómpre ter en conta que os bocetos deberán ter unhas proporcións determinadas que permitan despois amplialos a unhas medidas de entre 2 e 3 metros de longo por 1,5 ou 2 metros de alto.

Os deseños hai que presentalos no Concello nun sobre pechado onde, ademais da obra en pequeno, tamén se adxuntará nunha folla separada cos datos da autoría: nome e apelidos, D.N.I, datos de contacto, título da obra, técnica que se vai empregar, e, por último, as medidas reais e a escala. Tanto na parte traseira do boceto como na portada do sobre só deberá aparecer o pseudónimo do autor ou autora.

Un xurado designado polo Concello e pola dirección do CPI elixirá 5 traballos finalistas entre todos os que se presenten. Só por chegar a esta fase, cada creador levará un premio de 100 euros aínda que, iso si, deberá proverse de materiais e representar a súa obra xa a tamaño real no muro do centro entre os días 2 e 5 de decembro. Valorarase a orixinalidade, a calidade artística e, sobre todo, a adecuación dos murais ao tema proposto. Malia dar liberdade creativa, algúns dos valores que se pretenden reflectir -ademais dos referidos aos procesos de aprendizaxe e o coñecemento- son os da convivencia e a solidariedade, o respecto á diversidade, a igualdade, os dereitos humanos, o respecto pola natureza e a saúde, a paz, etc.

Dos cinco traballos que decorarán o exterior do colexio sairán os dous premiados: un co premio do xurado que levará 300 euros e outro co premio do público, elixido por votación popular e cunha dotación de 200 euros. No caso de que coincidan, o premio do público irá parar á segunda obra máis votada. Quen gañe aínda non terá rematado o traballo, xa que deberá levar a cabo un segundo mural xusto á entrada do recinto que aludirá ao 40 aniversario do colexio.

A entrega de premios farase o 10 de decembro dentro do acto de conmemoración das catro décadas de ensino no colexio público en San Sadurniño. O prazo para presentar obras ao concurso remata o 25 de novembro.

5 de novembro de 2013 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.