San Sadurniño convoca o Consello de participación veciñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Dentro de 11 días comezarán as asembleas parroquiais para confeccionar o orzamento participativo de 2014. Como paso previo o Concello convocou para este venres á tarde a xuntanza anual do Consello de participación veciñal, do que forman parte as asociacións municipais e tamén os grupos políticos. Ademais de abordar a cuestión dos orzamentos, no consello tamén se falará das subvencións para entidades sen fins de lucro.

O Consello de participación veciñal é o máximo órgano de participación, información, seguemento e control daqueles asuntos sobre os que ten competencia o Concello. Está integrado por representantes do grupo de goberno, membros dos distintos partidos políticos e por membros de cada unha das asociacións e entidades rexistradas no municipio.

Entre as súas funcións está a de presentar iniciativas, propostas ou suxestións para seren discutidas nos órganos colexiados; estudar os orzamentos municipais e outros asuntos de especial importancia antes da súa aprobación plenaria e, por último, avaliar e emitr un informe non vinculante sobre as bases para a concesión de subvencións ás asociacións do territorio.

No momento en que estamos -a piques de comezar as asembleas do orzamento participativo nas distintas parroquias e co proxecto de contas municipais de 2014 xa moi avanzado- é tempo de convocar o Consello que, segundo o seu regulamento, ten que reunirse obrigatoriamente unha vez no ano.

A cita está fixada para este venres día 8 de novembro no salón de plenos ás 19.30h. en primeira convocatoria e ás 20.00h. en segunda. A orde do día componse de catro puntos:

1. Asembleas de participación veciñal
2. Orzamento municipal para o ano 2014
3. Bases para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro
4. Rogos e preguntas.

7 de novembro de 2013 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.