San Sadurniño aprobará o II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o periodo 2014-2017
A sesión plenaria do próximo sábado está convocada para as 11.30h. e preséntase cargada de contido reivindicativo a través de tres mocións suscritas polo grupo municipal do BNG. Neste sentido o debate centrarase en demandar da Xunta que non aplique o copagamento dos medicamentos da farmacia hospitalaria para enfermos crónicos ou con doenzas graves, na reclamación de fórmulas de finanzamento municipal que contemplen as espicificidades e necesidades dos concellos galegos e, por último, en instar ao goberno galego para que se faga efectiva a Lei para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Canda estes tamén se tratarán outros puntos de igual ou maior relevancia, como é a desestimación das alegacións presentadas contra a ordenanza da saca da madeira ou a aprobación do II Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de San Sadurniño.
O Concello e a empresa Deloga traballaron desde o mes de abril conxuntamente con representantes políticos, persoal municipal e colectivos locais para sacar adiante o segundo documento no que se plasma a folla de ruta para alcanzar en San Sadurniño unha igualdade real entre mulleres e homes.
O documento resultante -de 150 páxinas- é, a grandes trazos, unha radiografía da situación actual do concello en canto a igualdade de xénero, pero tamén no tocante a economía, demografía ou movementos sociais. A partir da análise dos datos e das achegas formuladas nas xuntanzas de traballo elaborouse un plan dividido en seis liñas de actuación con cadanseu obxectivo xeral mais varios obxectivos operativos que, á súa vez, levan aparelladas distintas actuacións concretas para desenvolver no periodo 2014-2017. Actuacións que o Concello asumirá como propias trala aprobación plenaria do documento, que se presentará publicamente o sábado 23 de novembro no marco dos actos co gallo do Día contra a Violencia de xénero.
O BNG defenderá, precisamente, unha moción na que se pide o compromiso de todos os grupos municipais para levar adiante as actuacións reflectidas no II PIOMH coa engádega de reclamarlle ao goberno galego a aplicación efectiva da lei para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, así como a esixencia de que a Xunta lle demande ao goberno estatal a creación de xulgados específicos nas cidades que aínda non dispoñen deles.
Finanzamento local e sanidade
No pleno do sábado tamén se debaterán mocións nacionalistas referidas ao finanzamento local e ao copagamento dos medicamentos da farmacia hospitalaria. Así, o BNG tentará sacar adiante por unanimidade un acordo mediante o que se inste á Xunta para que xestione perante o goberno central unha nova lei de finanzamento local e un reparto da participación nos ingresos do Estado que teña en conta a dispersión e o avellentamento da poboación de Galicia. O texto da moción tamén inclúe solicitar da Xunta que as subvencións finalistas en concorrencia competitiva pasen a engrosar o Fondo de Cooperación local e que haxa un reparto “máis xusto” dos Fondos de compensación ambiental.
As mocións nacionalistas complétanse co rexeitamento ao copagamento dos medicamentos que se expenden nas farmacias dos centros hospitalarios para enfermidades graves ou crónicas, como poden ser certos tratamentos do cancro, a sida, a esclerose, a artrite ou a hepatite, entre outros. A medida do Ministerio de Sanidade publicada no BOE obrigará aos enfermos a pagar o 10% de ata un total de 42 medicamentos co tope máximo de 4.20 euros por envase receitado. O que se someterá a pleno será o acordo de instar á Xunta para que demande en Madrid a derogación da resolución e que, en calquera caso, que o goberno galego non a aplique no noso país.
O texto que presentará o BNG no pleno vai na liña do recente anuncio do equipo de goberno de sufragar con fondos municipais o importe do copagamento dos fármacos hospitalarios. Unha opción que xa comparten 25 concellos galegos de todas as cores políticas á espera de que a presión social faga recuar ao ministerio ou, no seu defecto, á Xunta na aplicación da medida.
Ordenanza reguladora das sacas de madeira
Outro dos asuntos de relevancia do pleno será a resolución das alegacións relativas á ordenanza preparada polo Concello para poñer orde na extracción forestal e a súa incidencia sobre bens públicos como poden ser as pistas ou as cunetas.
O texto aprobouse provisionalmente no pleno de setembro co voto favorable do BNG, o PP e o PSOE. Porén, a Confederación Galega de Empresarios da Madeira presentou un relatorio con cinco alegacións nas que se sinala, entre outros argumentos, que o Concello non é competente na materia ou que o ente local non pode facer controis previos nin esixir fianzas para protexer as vías de titulariedade municipal. A asesoría xurídica do Concello elaborou un informe que avala a ordenanza ao tempo que rexeita un por un os argumentos de CONFEMADERA. Polo tanto, o articulado quedará aprobado con carácter definitivo tralo pleno do sábado e á confederación de madeiristas só lle quedará a vía contencioso-administrativa para tentar tumbala.
Outros asuntos
O resto de puntos que compoñen a orde do día son o da aprobación da acta da sesión anterior, a ratificación e toma de razón sobre acordos e resolucións, a creación dun ficheiro de datos persoais referido aos actos de acollemento civil e a incorporación de varios bens ao inventario municipal. Ao ser un pleno ordinario tamén existe a posibilidade de que os grupos formulen rogos e preguntas. Unha posibilidade que se extende ao público asistente tralo remate do pleno, tal e como reflicte o artigo 52 do regulamento orgánico municipal.











